Os voluntarios do Proxecto Trasno informan que tras moito tempo de preparación finalmente publican os acordos terminolóxicos acadados nas últimas Trasnadas, que forman parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolveu ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2011 da Xunta de Galicia.
Durante a Trasnada 11.1, celebrada o pasado 12 de Novembro na cidade de Vigo, discutiuse sobre moitas cuestións terminolóxicas e chegouse a un acordo sobre uns 50 novos termos incluído algún conflitivo, o que sumado aos máis de 80 acordos da Trasnada 11.0 e aos 20 termos da Trasnada 10 supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre.
Os resultados acadados en todas as Trasnadas están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT).
Impacto dos acordos
Máis alá da xa de por si importancia de consensuar a tradución ao galego 120 termos, o valor destes acordos aumentan se temos en conta que non só participaron nas discusións un gran número de voluntarios do Proxecto Trasno senón outras persoas interesadas e alleas ao proxecto.
Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprometéronse a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan, de aí a transcendencia destes acordos de cara á homoxeneización das traducións nos escritorios e aplicativos máis empregados.
Ademais este traballo de asentamento de terminoloxía tamén se incorporou a ferramentas de comprobación automática como Pology, para o cal Marce Villarino creou regras para comprobar que nas traducións se aplican os consensos acadados pola comunidade, e que xa están integradas na versión oficial de Pology de forma que toda aquela persoa interesada poida usalas para revisar as súas traducións.
Ditas regras para Pology xa se usaron para realizar comprobacións e corrixir milleiros de traducións en varios dos proxectos máis importantes do Proxecto Trasno, como Lxde, Xfce, KDE e GNOME, para deste xeito aplicar canto antes os acordos acadados nas Trasnadas.
Pódese atopar máis información sobre as regras para Pology na páxina de resultados das Trasnadas, onde continuarán a publicarse os resultados das vindeiras Trasnadas que se celebrarán durante este ano.
