Mancomún

Ubuntu 10.04 terá un manual oficial

Venres, 8 Xaneiro 2010

Unha das novidades máis destacadas da vindeira versión de Ubuntu LTS 10.04, ademais de vir co escritorio GNOME 2.30 mellor traducido ao galego que nunca, grazas ao esforzo do grupo de tradución ao galego que anunciabamos onte, será a dispoñibilidade dun manual de introdución, en formato PDF, dirixido a todos aqueles usuarios noveis que queiran introducirse no mundo dos sistemas Linux a través de Ubuntu.

Proxecto manual de UbuntuO proxecto nace coa finalidade de facilitarlle aos novos usuarios do sistema operativo Ubuntu a súa iniciación no uso do mesmo.

Aínda que hoxe en día se dispón dunha gran comunidade e multitude de manuais moi completos e libros, desde a comunidade Ubuntu xustifican este novo manual como o primeiro punto de referencia para un novo usuario de Ubuntu, con toda a información que precisa para comezar a empregarlo satisfactoriamente, nun único ficheiro PDF de fácil lectura e comprensión. Ademais o seu obxectivo é actualizalo con cada nova versión de Ubuntu cada 6 meses.
O manual, en principio, está dispoñible en inglés aínda que xa están incluíndo en Launchpad a posibilidade de comezar a traducilo a calquera outro idioma.

Aínda que está en fase de desenvolvemento xa hai unha primeira táboa de contidos proposta e prevén ter a primeira versión alfa o vindeiro 10 de febreiro.

Ao tratarse dun proxecto da comunidade, está como sempre aberto á colaboración de calquera.

Fonte: Genbeta

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal