Mancomún

Ubuntu 11.04 estará 100% en galego

Martes, 19 Abril 2011

A próxima versión de Ubunut está ao caer

A pouco máis dunha semana da saída da nova versión de Ubuntu 11.04 prevista para o vindeiro día 28 de abril, podemos comprobar que o galego será unhas das poucas linguas nas que estará dispoñible integramente, segundo figura nas estatísticas oficiais das traducións de Ubuntu, onde o galego ocupa o primeiro lugar.

Logotipo do proxecto Trasno

Novamente, temos que agradecerlles a posibilidade de empregar este sistema operativo 100% en galego á comunidade de tradución ao galego de Ubuntu, coordinada por Miguel Bouzada, así como ao resto de equipos de tradución dos distintos proxectos que integran este sistema operativo: escritorio GNOME, navegador Firefox, Suite ofimática LibreOffice,… baixo a coordinación respectiva de Fran Diéguez, Keko e Antón Méixome, todos eles agrupados baixo o proxecto Trasno. É de salientar tamén o traballo da Oficina de Software Libre da USC quen colabora activamente con estes equipos no mantemento e revisión da calidade destas traducións. 
Esta nova versión de Ubuntu trae como principal novidade a interface gráfica “Unity” aínda que tamén é posible escoller o Escritorio Ubuntu tradicional para traballar coa interface tradicional de Gnome. Entre os principais aplicativos que trae instalados atópanse a suite ofimática LibreOffice 3.3.2, o navegador Firefox 4.0, o xestor de imaxes Shotwell 0.9.1, o xestor de correo electrónico Evolution 2.32.2 entre outros moitos.

Todos aqueles que o desexen poden probar xa a versión Beta de Ubuntu 11.04 na que a comunidade está a traballar para corrixir os posibles erros antes do seu lanzamento.

Así mesmo, se atopades erros na tradución durante o seu uso, resultará de moita utilidade que os enviedes ao equipo de tradución ao galego contribuíndo así a dispoñer dun sistema operativo moderno, útil, doado de usar e en galego, que ademais ao distribuírse con licenza libre permite que sexa descargado e empregado de maneira legal e gratuíta por calquera persoa.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal