Canonical, a empresa que desenvolve Ubuntu, acaba de ampliar as súas ofertas de asistencia técnica de maneira que agora é posíbel contratar plans de asistencia técnica para pequenas e medianas empresas (PEME) de maneira que lles resulte moito máis sinxelo implantar Ubuntu na súa infraestrutura informática.
Desde o blog oficial de Ubuntu explícano desta maneira:
“Nos últimos anos houbo un incremento na cantidade de usuarios da comunidade de Ubuntu e os “notebooks” trouxeron consigo moitos novos usuarios de Ubuntu. Ademais outros avances nos deseños das interfaces de usuario, compatibilidade de dispositivos, etc.. fixeron que moitas pequenas empresas e persoas comezaran a usar Ubuntu.
É por isto, polo que decidimos lanzar novos servizos de asistencia técnica para este novo grupo de usuarios, tanto para a súa casa como para pequenas empresas. Tanto se vostede é un novo usuario de Ubuntu, sen coñecementos técnicos como un usuario con experiencia, estes servizos están pensados para darlle a confianza necesaria para usar Ubuntu sen ningún tipo de medo…”
O novo servizo ten diferentes opcións segundo as súas características:
- Servizo básico (Starter Desktop Service) desde 40,64 € ao ano.
- Servizo avanzado (Advanced Desktop Service) desde 84,98 € ao ano
- Servizo profesional (Professional Desktop Service) desde 161,52 € ao ano
Hai tempo que outras compañías están ofrecendo estes servizos, como son o caso de Red Hat (servizos a pequenas e medianas empresas de Red Hat) e Novell (opcións de asistencia técnica de Novell).
