Mancomún

Un autobús da Rede de Dinamización repartirá copias do Galinux por toda a xeografía galega

Mércores, 28 Xaneiro 2009
  • Esta actuación pretende seguir traballando a prol do achegamento da poboación ás novas tecnoloxías baseadas en códigos e estándares abertos
  • No autobús impartiranse obradoiros, proxectaranse vídeos e repartiranse folletos informativos, entre outros
Bus RedeA Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, pon en marcha un autobús informativo sobre as novas tecnoloxías que, a partir de hoxe, xoves 29, percorrerá 15 municipios galegos durante un total de 15 días.

O autobús permanecerá un día en cada unha das localidades -aproximadamente de 11.00 a 15.00 e de 14.00 a 20.00 horas- para dar a coñecer as actividades da Rede de Dinamización, pero tamén para presentar o Galinux, o completo sistema operativo de fontes abertas en galego desenvolvido por Mancomún.

O vehículo estará equipado con computadores instalados integramente con software libre, así como con conexión a Internet. A estes terminais poderá acceder libremente a xente que visite esta unidade móbil nas horas estabelecidas pola organización para tal fin.

Asemade impartiranse diferentes actividades en volta das novas tecnoloxías como poden ser, entre outras, a realización dun obradoiro de “Alfabetización dixital: Informática e Internet”, a proxección de vídeos sobre a Rede ou a distribución de folletos informativos e copias do Galinux á poboación do lugar.

A finalidade desta iniciativa, ao igual que a de todas as actuacións previstas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é a de seguir achegando as novas tecnoloxías, baseadas en estándares e códigos abertos, e a sociedade da información a toda Galiza.

Itinerario

O percorrido do autobús e os lugares onde estará estacionado é o seguinte:

  • Sada: aparcamento La Terraza (xoves 29 de xaneiro).

  • Ames: parking Carrefour, en Bertamiráns (venres 30 de xaneiro).

  • Tomiño: praza preto do Concello (sábado 31 de xaneiro).

  • Nigrán: proximidades do Concello (domingo 1 de febreiro).

  • Pontevedra: Praza Ferrería (luns 2 de febreiro).

  • Sanxenxo: curva Praia Silgar, no acceso ao Porto Juan Carlos I (martes 3 de febreiro).

  • Cuntis: Praza das Árbores / Rúa da Igrexa (mércores 4 de febreiro).

  • Vilagarcía de Arousa: Avda. da Mariña, a carón do Centro Comercial (xoves 5 de febreiro).

  • Manzaneda: Praza Rueda (venres 6 de febreiro).

  • Castrelo de Miño: Avda. Alejandro Ferrer, a carón do Club Náutico (sábado 7 de febreiro).

  • Burela: Rúa da Estación, a carón da praza (domingo 8 de febreiro).

  • Lugo: Avda. Ramón Ferreiro / Rúa Aguirre (luns 9 de febreiro).

  • Ribadeo: parque San Francisco (martes 10 de febreiro).

  • Carballedo: Avda. dos Peares / Camiño da Feira (mércores 11 de febreiro).

  • Mondoñedo: Praza do Seminario, a carón do supermercado (xoves 12 de febreiro).

Para máis información sobre as actividades de cada día ou para outras consultas pódese acudir ao portal web de Rede de Dinamización www.redededinamizacion.eu

Fonte: Rede de Dinamización

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal