Mancomún

Un instituto de Estremadura regala un CD-ROM de software libre coa matrícula do centro

Martes, 30 Xuño 2009

Documentación da matrículaUn Instituto de Estremadura, o IES Albarregas de Mérida, está a levar a cabo unha particular iniciativa orientada a promover o uso do software libre nas aulas. O proxecto consiste en repartir dentro de cada sobre de matrícula para o curso 2009-2010 un CD-ROM co software que vai precisar o rapaz ou rapaza durante o período académico.

Segundo analizan fontes próximas ao centro “a mensaxe que se achega ao alumnado é a do software legal. Fomentar estes dous conceptos -e valores- entre os alumnos e as súas familias é perfectamente coherente co modelo educativo. O respecto, a solidariedade, e compartir son ideais aos que non podemos renunciar”.

O contido do CD-ROM é software libre e legal, compatíbel con calquera sistema informático actual: Windows, Mac ou Linux. Leva a información estruturada como se dunha páxina web se tratase, desde a que se pode ver o contido e, por suposto, desde o que se pode descargar os aplicativos informáticos.

No entanto, o CD-ROM non inclúe as versións para Linux -neste caso para gnuLinEx-dos programas escollidos, xa que neste sistema operativo os programas instálanse de serie e de xeito predeterminado.

Os exemplares do CD-ROM que se produciron sen apenas axuda da Xunta de Estremadura, conteñen, ademais de información sobre o Centro -como o Proxecto educativo de centro (PEC), entre outros:

Ofimática (procesador de textos avanzado, folla de cálculo, base de datos, presentacións…):

  • OpenOffice para Windows ®
  • OpenOffice para Mac ®

Internet. Navegador web e correo electrónico

  • Firefox para Windows ®
  • Firefox para Mac ®

Tratamento de fotografías: Gimp:

  • Gimp para Windows ®
  • Gimp para Mac ®

Tipo de letra ecofont (nas súas versións para Windows ®, Mac ® e Linux)

Fonte: Blog A la Sombra del Tomate

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal