Mancomún

Un programa informático baseado en Software Libre facilitará o acceso a axudas de vivenda

Venres, 12 Setembro 2008
As ferramentas informáticas derivadas do proxecto poranse a disposición das empresas galegas e doutras administracións

Sinatura do convenioA Consellería de Vivenda e Solo desenvolverá xunto coa Universidade da Coruña (UDC) un programa informático para facilitar o acceso dos cidadáns a todas ás liñas de axuda en materia de vivenda, sexa compravenda, aluguer e rehabilitación, así como ás actuacións de solo produtivo para optimizar a relación informativa tamén coas empresas. O investimento por parte do departamento autonómico ascende a 205.000 € en dúas anualidades.

Este programa informático permitirá coñecer en tempo real as vivendas dispoñibles, a súa ubicación xeográfica, e información visual do barrio onde se localizan, servizos dese barrio, e características da vivenda, incluíndo prezo de compravenda ou aluguer o que, sen dúbida, facilitará o acceso a información e a xestión desta información por parte do cidadán.

A conselleira de vivenda, Teresa Táboas, e o Reitor da UDC, José María Barja, asinaron onte un convenio de colaboración para levar a cabo este proxecto de investigación informática, a cargo dun equipo da Universidade, que se desenvolverá integramente en software libre, o que permitirá ademais pór a disposición das empresas galegas e doutras administracións, as ferramentas informáticas que xurdan da investigación e que agora deben comprara no mercado.

Táboas salientou o feito “de que se leva a cabo este proxecto de investigación desde unha Universidade galega, en beneficio do conxunto da sociedade tendo en conta que todas as ferramentas que se obteñan serán en software libre e, polo tanto, a disposición de todos”. Neste sentido, a conselleira nacionalista tamén salientou a “proveitosa colaboración” entre o Departamento que dirixe e a Universidade da Coruña “que permite pór ao servizo da Administración pública e dos administrados o coñecemento científico e académico”.

Esta aplicación informática permitirá xestionar de forma integral e áxil todos os datos da Consellería, tanto das liñas de axudas e actuacións en materia de vivenda como das actuacións en materia de creación de solo empresarial ao longo do territorio galego.

Deste xeito, a Consellería poderá responder dunha forma práctica e sinxela ás demandas de información tanto dentro dos servizos da propia Administración como dos usuarios externos, así como axilizar a xestión, tramitación e resolución de cada un os expedientes.

“Os cidadáns poderán acceder desde a súa casa a todos os servizos que oferta a Administración en materia de política social de vivenda e creación de solo, cun programa que facilitará a compresión e a información sobre as mesmas, grazas ás ferramentas informáticas de referencia xeográfica”, concluíu Táboas.

Máis información
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal