Mancomún

Un proxecto de lei promove a adopción de estándares abertos na administración portuguesa

Mércores, 10 Setembro 2008

O Partido Comunista Portugués (PCP) vén de presentar ante a Asemblea da República de Portugal un proxecto de lei para a adopción de normas abertas nos sistemas informáticos do Estado. A proposta fundamenta esta iniciativa na necesidade de que “o estado garantice a soberanía e control sobre a información da cal é titular, evitando sempre documentos en formatos cuxa utilización depende potencialmente de opcións estratéxicas de empresas privadas”.

O PCP avoga no documento presentado por establecer un proceso, no que, nun período aproximado de seis meses, a administración mude totalmente os formatos pechados por estándares abertos, comezando polos documentos de texto (a .pdf para só visualización e a .odf para a súa edición) e continuando polo resto de arquivos de imaxes, audiovisuais…

Segundo especifican os promotores deste proxecto de lei, esta norma non obrigaría á migración de software na Administración portuguesa, porque, na súa opinión, a calidade das aplicacións libres son “a mellor garantía” para conseguir implantar a tendencia ao uso do Software Libre.

Esta proposta tenta salvagardar a liberdade tecnolóxica dos cidadán e organizacións, a independencia do goberno portugués perante as multinacionais e a compatibilidade entre os sistemas, en prol da interoperabilidade administrativa.

Para ver o documento completo prema aquí.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal