Mancomún

Unha biblioteca de aplicativos libres permite a interoperabilidade entre calquera computador en rede

Xoves, 23 Xullo 2009

GridCOMPO proxecto GridCOMP, financiado pola Unión Europea, desenvolveu unha colección de software que permite a computación distribuída, en paralelo e multinúcleo entre computadores que se basean en diferentes arquitecturas e en diferentes infraestruturas, en principio incompatíbeis. É código aberto, e supón o estabelecemento dun novo estándar reemprazando ao software comercial, máis custoso e moito menos eficiente.

A idea radica en que diferentes sistemas informáticos poden colaborar entre si para conseguir procesar simulacións moi complexas, mover grandes cantidades de datos, ou permitir a distribución dos recursos. A computación en rede, ou grid computing, permite dispoñer dunha potencia de procesamento e de almacenamento inmensa. Uns poucos miles de pequenos computadores domésticos cooperando eficazmente son máis potentes que o maior dos supercomputadores…

Estándar de colaboración en rede

Ata agora non existía un estándar estabelecido que permitise realmente esta colaboración. Existían iniciativas de software para aplicativos moi concretos e só dispoñíbel para quen dispuxese de fondos suficientes. Ademais, de que era pouco eficiente e só estaba deseñado para funcionar nun rango reducido de máquinas.Xeralmente as máquinas do fabricante asociado coa empresa desenvolvedora do software en cuestión.

A colección de software desenvolvido co proxecto GridCOMP permite estabelecer ese estándar. Como afirma o coordinador científico do proxecto, Denis Caromel: "creouse unha suite de produtos de código libre para permitir a computación distribuída, en paralelo e multinúcleo". Este software funciona ademais entre computadores que se basean en diferentes arquitecturas e en diferentes infraestruturas, en principio incompatíbeis.

Computación distribuída, en paralelo e multinúcleo

Este software permite a colaboración eficiente entre pequenos computadores persoais, servidores, redes de empresas e universidades, e grandes supercomputadores. Todos á vez, ou calquera combinación deles. Ata permite a colaboración coa computación na nube, como un provedor máis de potencia de procesamento e almacenamento. Todo iso tendo en conta que cada un utiliza diferentes tecnoloxías de distintos fabricantes, incompatíbeis entre si. Unha das claves do seu funcionamento é que é capaz de monitorizar en tempo real o rendemento (QoS) da rede sobre a cal está traballando. Dese xeito permite redistribuír os recursos sen apenas sobrecarga no sistema. É coma se cada nodo da rede se encargase de manter o rendemento da rede da súa zona.

O único modo é un estándar libre

Ao tratarse de software libre, ao alcance de todos, e desenvolvido cunhas bases científicas comúns válidas para todos, este supón un novo estándar no campo da computación en rede a nivel mundial. Un avance deste tipo sería moi complicado se non é desde o código libre, e aínda mellor se é con fondos públicos oficiais.

Unha vez que se deu o impulso inicial, grandes empresas do sector sumáronse ao proxecto. Entre elas IBM, Sun, Oracle, HP, NEC, Alcatel, Nokia Siemens, etc. Empresas que tiñan recursos para desenvolver esta idea durante moito tempo e non o fixeron, porque non supoñía ningunha vantaxe no mercado.

Precisamente por iso este avance ten tanta importancia. Rompe un bloqueo que a industria tiña sobre o avance científico. Sen as licenzas de código aberto, e sen a vontade política da Unión Europea de promover este tipo de software, nunca sería posíbel o amplo abano de aplicativos que se abre ante nós.

Calquera rede de ordenadores adquire un potencial moi importante

Agora será posible a colaboración efectiva entre todas as máquinas dispoñíbeis para unha comunidade ou organización, xa sexa unha universidade, comunidade científica, unha empresa ou calquera outra. Poderán facerse cálculos e simulacións que eran moi custosas ata agora, e todo iso sen importar en que estea baseada cada máquina ou de que fabricante sexa. Esta nova posibilidade abre a porta a moitas investigacións científicas que quedaban estancadas por falta de potencia de cálculo, ou por falta de fondos para dispoñer desa potencia.

Usando este software, calquera rede de ordenadores convértese nunha ferramenta cun potencial moi importante. Iso fará posible a aparición de aplicativos ata agora insospeitados, pero tamén o desenvolvemento doutros que levan tempo no tinteiro. Sen ir máis lonxe, as institucións financeiras e as operadoras de telecomunicacións fai moito que se interesan por este tipo de tecnoloxías.

Fonte: Tendencias21.net

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal