Mancomún

Unha empresa de xóvenes emprendedores comercializa un sistema para móbiles baseado en SwL de guía en interiores

Mércores, 29 Xullo 2009

Un membro de Agnix, xunto con outro alumno da Facultad de Informática da Universidad Pontificia de Salamanca, crea un aplicativo para móbil coa función similar á un GPS no interior dun edificio

Mirblu MapsAlexandre González, membro activo da comunidade galega de software libre como integrante de Agnix e da Asociación Rianxo sen Cabos, xunto cun compañeiro da Facultade de Informática da Universidade Pontificia de Salamanca na que estuda -Ignacio Gutierrez-, acaban de crear a empresa Mirblu co obxectivo de comercializar un aplicativo para teléfonos móbiles baseado en código aberto. Este proxecto, aloxado na Forxa de Mancomún– sen actualizar aínda os paquetes- permite ao usuario guiarse dentro dun edificio, do mesmo modo que o fai un GPS no exterior.

A iniciativa xa fora avanzada por Alexandre González á comunidade galega de SwL en xaneiro deste ano con motivo do obradoiro de programación con jme en móbiles que impartiu no Xuventude Galiza Net 2009.

O desenvolvemento tivo a súa orixe nun proxecto que se inscribe dentro do Club de Innovación Tecnolóxica da institución académica salamantina e a Fundación Caja Duero, pero as ideas asociadas a esta iniciativa son múltiples, xa que se pode aproveitar o aplicativo para fins publicitarios dentro dun centro comercial ou para crear itinerarios e dar información nun museo, informa a Axencia de Noticias para a divulgación da Ciencia e Tecnoloxía do Instituto ECYT da Universidad de Salamanca.
"Estamos intentando cubrir un campo que non cobre un GPS, que é o interior dun edificio", explican Alexandre González e Ignacio Gutiérrez. "Para iso, usamos unhas balizas co sistema bluetooth que funcionan con enerxía solar, o que fan é situarte dentro do edificio e guiarche ata un destino, como fai un GPS normal no exterior co apoio dun satélite”, agregan.

O feito de que as balizas funcionen con enerxía solar no interior dun edificio pode resultar paradoxal, pero ten a súa explicación. “A luz artificial ten un compoñente que é o que alimenta estas placas e, como o dispositivo consume moi pouco, é suficiente para que sexan autónomas, sen que estean enganchadas á rede eléctrica”, sinala Ignacio Gutiérrez.

Con todo, aí non quedan os servizos, xa que os promotores deste proxecto pensaron en engadir a función publicitaria á hora de crear rutas. Así, o aplicativo mostra unha publicidade que podería ser moi útil dentro dun centro comercial, por exemplo. De feito, xa hai un primeiro proxecto onde vai ser implantada esta posibilidade, unha instalación que actualizará a publicidade todas as noites. “O empresario cambiará a publicidade na nosa páxina web e a baliza a actualiza á súa vez para o día seguinte”, apuntan.

Con todo, as aplicacións poden ser variadas e os seus promotores xa pensan noutro tipo de edificios, como hospitais e museos. Segundo afirman, “se quixeras ver a Mona Lisa, marcarías esa opción e o aplicativo levaríache. Nun futuro pensamos que o mesmo sistema podería servir para ofrecer información sobre o cadro”.

“Se tes que chegar a un lugar concreto dun hospital, que adoitan ser enormes, abonda con que che manden ao correo electrónico un aplicativo para o móbil cuxo arquivo de instalación apenas ocupa 300 kilobytes (kb), 20 veces menos que unha canción en MP3”, indican. Con este aplicativo no teléfono, o usuario só tería que chegar á porta para atoparse coa primeira baliza e deixarse guiar polos sinais que emiten as demais.

Proceso sinxelo

O obxectivo era que o aplicativo fose usábel ao 100 por 100, o usuario simplemente chegaría a un edificio, atoparía un panel informativo á entrada para que arranque desde o seu móbil e, a partir de aí, o proceso é automático: descárgase, instálase e basta con poñer unha orixe e un destino para crear a ruta. Ata se pode usar sen poñer a orixe, posto que a rede de balizas é capaz de localizar o móbil para calcular a ruta.

Todo xorde a raíz do proxecto piloto FImap, da Facultad de Informática da Universidad Pontificia de Salamanca, que fai chegar notificacións aos estudantes no momento en que acceden ao edificio, un servizo que non ten custo, porque este sistema de mensaxería non require a intervención dunha operadora telefónica. “Imos crear Mirblu Maps reutilizando todo o código que probamos no proxecto piloto”, apuntan.

Os desenvolvedores xa están facendo contactos con empresas, posto que por fin “hai un proxecto final vendíbel”, de maneira que esperan chegar a acordos que permitan implantar de verdade o sistema. Ata o momento, foi a sede central da Universidad Pontificia o lugar das probas.

Fonte: Dicyt

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal