Mancomún

Unha experiencia formativa con Hardware Libre será a temática do vindeiro obradorio dos Sábados Libres na Altamar

Mércores, 6 Maio 2015

Logo do grupo PatacaLabsO sábado 30 de maio terá lugar o seguinte obradoiro organizado por GALPon no seu ciclo de Sábados Libres na Altamar.

Desta volta o obradoiro consistirá na presentación da experiencia do proxecto “Unha experiencia formativa con Hardware Libre” do grupo PatacaLabs (@patacalabs) do CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco, A Coruña). Este foi o proxecto de robótica con Hardware e Software Libre gañador da axuda en forma de colaboración que convocou GALPon a finais de 2013, para desenvolver durante o ano 2014.

Ademais da presentación da experiencia do proxecto, tamén se realizarán 3 prácticas guiadas polos membros de patacalabs.

No remate desta actividade, GALPon presentará a próxima convocatoria desta experiencia de colaboración.
Unha experiencia formativa con Hardware Libre

Alumnos con idades entre 14 e 17 anos, baixo a dirección do profesor Tucho Mendez (@procastino) forman o grupo PatacaLabs (@patacalabs) do CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco, A Coruña). En novembro de 2013, a súa proposta para organizar un club de robótica extraescolar, PatacaLabs, foi considerada por GALPon merecedora de axuda.

Agora, alumnado e profesor presentarán a memoria do traballo feito en todo este tempo, facendo un repaso dos éxitos acadados e tamén dos moitos erros cometidos, segundo eles, agardando que a súa experiencia sirva de guía para quen estea interesado en emprender un camiño semellante.

Logo de presentar a súa experiencia farán tres pequenas prácticas, guiadas polos membros de patacalabs, nas que se verá o funcionamento dun controlador de motores, o manexo de sensores de IR con Arduino para facer segueliñas, e un chisco de deseño 3D aplicado á impresión, empregando OpenSCAD, coas que agardan pasar unha boa mañá aprendendo xuntos!

Para a realización destas prácticas a organización disporá de hardware para prestar aos asistentes. Aínda que recomendan que os asistentes leven instalado no portátil OpenSCAD e o IDE do Arduino.

O horario da xornada será o habitual destes obradoiros, pola mañá: de 10.00 a 14.00, cunha pequena parada sobre as 11.50 para botar un café e pola tarde de 16.00 a 18.30.

Coma sempre os interesados en asistir deben apuntarse no correspondente formulario de inscrición.

Así mesmo pode seguirse Tamén podedes seguir o desenvolvemento desta actividade no «evento no G+»

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal