Mancomún

Unha extensión para gvSIG recibe o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con SwL

Venres, 14 Novembro 2008

A aplicación do gañador, así como o do resto de participantes, está accesible na Forxa de Mancomún

XuradoO Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira, organizado pola empresa galega Igalia co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, a través de Mancomún, así como das tres universidades galegas, deu a coñecer o pasado mércores ao seu gañador tras a exposición de todos os proxectos finalistas e a resolución do xurado, o cal fallou a favor da aplicación desenvolta por Miguel Álvarez Úbeda, “Ferramentas de análises de redes”.

Este proxecto trátase dunha ferramenta que estende a funcionalidade de gvSIG para permitir facer cálculos de análise de calquera rede. Por exemplo, do que podería ser a rede de estradas, a rede eléctrica ou a rede de abastecemento de auga.

De cara á resolución final, e como se publicitou previamente nas bases, tívose en conta tanto os aspectos técnicos do proxecto como os de comunidade e actividade pública. O xurado, integrado por persoas de recoñecida experiencia no eido do software libre, coincidiron en destacar a calidade do proxecto, destacando como méritos a condición de Matrícula de Honra recibido polo proxecto de fin de carreira presentado e a súa integración nun proxecto existente, o gvSIG, como extensión non oficial.

Pola súa parte, o coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleato, incidiu no valor do impacto social das TIC e, nese aspecto, comentou “a relevancia de ver como se integraba correctamente toda a toponimia do noso país na aplicación”.
Ademais, o xurado decidiu conceder o Accésit (cunha dotación de 500€) a Orlando García Feal co proxecto Katmus, así como unha mención de honra, sen dotación económica e non contemplada ao inicio do premio, a Diego Pérez Montes polo proxecto ASTRA.

Todos estes proxectos están accesibles a través da Forxa de Mancomún.

Fonte: Igalia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal