A aplicación do gañador, así como o do resto de participantes, está accesible na Forxa de Mancomún
O Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira, organizado pola empresa galega Igalia co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, a través de Mancomún, así como das tres universidades galegas, deu a coñecer o pasado mércores ao seu gañador tras a exposición de todos os proxectos finalistas e a resolución do xurado, o cal fallou a favor da aplicación desenvolta por Miguel Álvarez Úbeda, “Ferramentas de análises de redes”.
Este proxecto trátase dunha ferramenta que estende a funcionalidade de gvSIG para permitir facer cálculos de análise de calquera rede. Por exemplo, do que podería ser a rede de estradas, a rede eléctrica ou a rede de abastecemento de auga.
De cara á resolución final, e como se publicitou previamente nas bases, tívose en conta tanto os aspectos técnicos do proxecto como os de comunidade e actividade pública. O xurado, integrado por persoas de recoñecida experiencia no eido do software libre, coincidiron en destacar a calidade do proxecto, destacando como méritos a condición de Matrícula de Honra recibido polo proxecto de fin de carreira presentado e a súa integración nun proxecto existente, o gvSIG, como extensión non oficial.
Todos estes proxectos están accesibles a través da Forxa de Mancomún.
Fonte: Igalia
