Despois duns días de esforzos para solucionar os problemas técnicos atopados durante a fase de posta en produción da actualización do Repositorio de software libre da Xunta de Galicia, coñecido como a Forxa de mancomún, finalmente volve estar operativa cun aspecto completamente renovado e importantes melloras para os nosos usuarios tanto en usabilidade, como en calidade de servizo.
![]()
Unha das principais melloras vén dada pola migración do software sobre a que estaba implementada a Forxa , pasando do antigo GForge 4.5 ao máis recente e moderno FusionForge 5.0, proxecto que no 2009 continuou co desenvolvemento da versión libre de Gforge.
FusionForge 5.0 incorpora moitas novidades, melloras, corrección de erros,, … posto que é froito do traballo de máis de 3 anos de desenvolvemento, entre as que podemos destacar a importante mellora no cumprimento coas directrices de accesibilidade, a inclusión de listado de todos os proxectos, a clasificación dos proxectos mediante etiquetas para xerar unha nube de etiquetas, dispoñibilidade de novas extensións que permiten traballar con distintos sistemas de control de versións, melloras no servizo de seguimento de incidencias, …
Grazas a isto, o Repositorio de software libre da Xunta de Galicia agora permite o emprego de GIT ademais do habitual SVN que viña ofrecendo como sistema de control de versións; proporciona acceso seguro aos repositorios mediante o protocolo SSH para os desenvolvedores, acceso anónimo de só lectura mediante http, e posibilidade de navegar polos repositorios dende a web (gitweb e viewvc).
Esta era unha das principais demandas dos nosos usuarios dende hai tempo que finalmente comprácenos poder satisfacer. Agora cada usuario pode elixir para cada proxecto que tipo de sistema de control de versión quere empregar. É posible tamén cambiar de SVN a GIT para un determinado proxecto (ou viceversa) aínda que a migración do contido do repositorio non é automática, debe realizala o propio usuario facendo unha descarga completa da ultima versión do repositorio SVN antes de facer o cambio na web da forxa, migrar o repositorio SVN na súa maquina a GIT e volver subilo á forxa.
Ademais de por suposto integrar todo o contido, proxectos, usuarios, … preexistentes na Forxa de mancomún, o Repositorio FLOSS de Galicia ten por obxectivo converterse no referente non só para a comunidade de desenvolvedores FLOSS de Galicia, senón para a propia Administración Galega e resto de axentes FLOSS.
Así, a Forxa proporcionará as ferramentas necesarias para que en breve poidan publicarse con licenzas libres os primeiros proxectos da Xunta de Galicia de interese para a sociedade, empresas e outras administracións públicas e que sexa susceptible de xerar unha comunidade de desenvolvemento e de usuarios ao seu redor.
Agardamos que este renovado servizo sexa do agrado dos nosos usuarios, e lles permita traballar nos seus proxectos de software libre con maior comodidade e segundo as súas necesidades.
Por suposto, se atopades algún problema co novo sistema podedes reportar a incidencia a través do proxecto Administración da Forxa e será atendida o máis axiña posible ou contactar con nós a través do noso formulario de contacto para consultar calquera dúbida que teñades.
