Mancomún

Unha plataforma en SwL permitirá o intercambio de coñecemento sobre ecosistemas dixitais

Martes, 24 Febreiro 2009
 A Fundación para o Fomento da Calidade e o Desenvolvemento Industrial de Galicia impulsará o uso desta plataforma
 
A Fundación para o Fomento da Calidade e o Desenvolvemento Industrial de Galicia participou recentemente nunha xuntanza en Zaragoza do proxecto europeo DEN4DEK (Digital Ecosystems Network of regions for DissEmination and Knowledge Deployment), que persegue a implantación de plataformas de cooperación baseadas en Ecosistemas Dixitais.

DEN4DEK ten como obxectivos: construír unha rede de contactos interrexionais para intercambiar coñecementos entre os socios e desenvolver accións innovadoras para crear un enfoque europeo sobre os Ecosistemas Dixitais (ED), o que permitirá unha mellor adopción das TIC polas empresas.

Para iso, porase á disposición dos socios unha aplicación informática que está sendo desenvolvida en software libre e na que se atoparán as experiencias de implantación na materia. Tamén comprenderá un sistema de xestión do coñecemento, aberto e orientado a un uso non experto, permitindo obter de xeito sinxelo información básica ou avanzada sobre os Ecosistemas Dixitais.

O proxecto está desenvolvido a través dun consorcio no que participan 19 socios de 10 países da Unión Europea (Italia, Reino Unido, Irlanda, Eslovaquia, Austria, Hungría, Finlandia, Holanda, Portugal e España) e que pertencen tanto a gobernos rexionais como a universidades, fundacións e empresas principalmente ligadas ao ámbito da innovación e da sociedade da información.

A Fundación impulsará o uso desta plataforma, colaborará na súa difusión e definirá un plan de implantación dos Ecosistemas Dixitais en Galicia.

Dekeol, unha ferramenta de fontes abertas para o intercambio libre de coñecemento

Dekeol é a plataforma dixital para o intercambio de coñecemento que se está a desenvolver no marco do proxecto DEN4DESK. O obxectivo de Dekeol é converterse nunha ferramenta de colaboración sobre os ecosistemas dixitais entre os socios do proxecto, pero aberto tamén a outros proxectos da UE e os actores rexionais dispostos a ampliar coñecementos.

Esta plataforma centrarase en tres aplicativos de código aberto:

  • Un espazo de coñecemento aberto (Open Knowledge Space -OKS) para compartir contido. Esta ferramenta estará construída sobre Sironta .
  • Un contorno de escritorio de axuda (Help Desk-HD) para os socios do proxecto co fin de apoiar as rexións na planificación do despregue dos ecosistemas dixitais. 
  • Un Centro de Información sobre os ecosistemas dixitais, incluída a información sobre os socios e os talleres, foros de discusión e as últimas noticias.

Para atopar máis información: (http://www.den4dek.org/).

Fonte: Sociedade da Información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal