A FNAC – a empresa francesa especializada na venda de aparellos electrónicos, ordenadores, artigos fotográficos, libros, música , vídeo, pero tamén software privativo- súmase na Coruña á promoción do software libre.
O Fórum da FNAC na cidade herculina pechou onte as xornadas abertas sobre Joomla, durante as cales os asistentes puideron, nun total de oito sesións, introducírense nos conceptos básicos do deseño de páxinas web e da súa creación a través da plataforma de software libre Joomla!.
Os obradoiros foron impartidos pola profesional Patricia Ferrol. Onte, no remate destes encontros, algúns dos asistentes puideron presentar publicamente as súas creacións -dende a web dun restaurante ata o espazo virtual dunha asociación cultural-, das que boa parte rematarán converténdose en páxinas web operativas na Internet.
Como exemplo de que manexar un CMS aberto como Joomla pode resultar moi sinxelo, á par que funcional, a responsábel do curso presentou unha web piloto sobre o Fórum FNAC Coruña. Este sitio, ademais de servir para ilustrar as posibilidades de Joomla!, permitiu amosar o que agardan que no futuro sexa unha web oficial e operativa que busca a participación dos usuarios.
Elena Feito, responsábel de Comunicación e Programación Cultural da tenda coruñesa da FNAC tamén participou nesta xornada de peche; destacou que a demanda dos obradoiros foi moi elevada e que se superou sobradamente o aforo dispoñíbel, polo que no futuro procurarán organizar outras iniciativas tecnolóxicas na mesma dirección.
Fonte: Código Cero
