En 1969, un grupo de empregados dos laboratorios Bell de AT&T (American Telephone and Telegraph), entre os que figuran Ken Thompson e Dennis Ritchie, escribiron un sistema operativo ao que chamaron en principio UNICS, pois era un derivado doutro proxecto maior denominado MULTICS.
Pouco tempo despois cambiaríanlle o nome a UNIX, creando un paradigma de sistema operativo que pervive ata os nosos días, e do que existen innumerábeis variantes.
Aquela primeira versión de UNIX foi escrita en ensamblador para unha computadora DEC PDP-7. No ano 1972 tomouse a decisión de escribir de novo UNIX na linguaxe C. Esta decisión converteu a UNIX nun sistema portábel, o que contribuíu á súa difusión cando AT&T puxo UNIX a disposición de universidades e empresas a través de licenzas de uso.
UNIX foi a base escollida por Richard Stallman para o seu proxecto GNU. Tal como se menciona no manifesto de GNU: “UNIX non é o sistema ideal, pero non é malo de todo. As características esenciais de UNIX parecen boas, e penso que habemos de ser capaces de completar as que lle faltan sen botalas a perder. E un sistema que sexa compatíbel con UNIX pode ser moi conveniente para que outra xente o adopte”.
Desa maneira, o sistema operativo libre por excelencia quedaba ligado ao desenvolvemento e ao modo de traballar establecidos por UNIX.
O sistema quedaría completado cando, no 1991, un estudante finés anunciou que estaba a programar algo semellante a minix (un clon de UNIX simplificado, para fins educativas) para computadores AT-386. Este estudante era Linus Torvalds, e o que estaba a programar acabaría sendo coñecido como Linux.
