Mancomún

V Congreso de Software Libre e Foro Libre para a Educación

Xoves, 23 Xuño 2016

Os vindeiros días 30 de xuño e 1 de xullo celébrase en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, a V edición do Congreso de Software Libre e Foro Libre para a Educación.

Este é un evento organizado por Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) no que ademais colabora a AMTEGA o CNTG e o CESGA entre outras entidades destacadas.

O evento está organizado en diferentes sesións de actividades que concorrerán ao longo do día. Así logo, o participante poderá asistir a distintos tipos de obradoiros de diversas temáticas coma realidade aumentada, robótica, presentacións de modelado 3D, IoT, sistemas XIS entre outros moitos máis, sempre dende un enfoque cooperativo e partindo de ferramentas de código aberto.  
Maila que a programación do evento non está totalmente confirmada, o programa provisional si que está moi avanzado e xa se poden consultar as aulas e horarios de cada unha das actividades.

Dentro das participacións confirmadas, están as charlas impartidas pola AMTEGA. Desta volta a AMTEGA participa con dúas sesións impartidas pola Oficina de Coordinación de Software Libre na que se enfocan, dun plano conceptual pero tamén práctico, a cuestión da colaboración no espazo do coñecemento mediante a aplicación e uso de licenzas libres e tamén a aplicación práctica das técnicas de xeomática libre nos campos da educación.

No que a obradoiros se refire, está confirmada a asistencia de Margarita Saborio (Mobile 3D) que dun xeito práctico explicara distintas formas de crear modelos 3D de obxectos. O IoT tamén estará presente da man de Manuel Díaz Regueiro en forma de obradoiro no que acerca dun modo práctico tecnoloxías como Raspbery Pi a un mundo no que “estímase que no 2020 haberá máis de 26 mil millóns de dispositivos conectados o que terá un grande impacto na nosa vida” . Tamén Beatríz Padín que tratará a temática do estudo experimental de magnitudes físicas mediante análise de vídeo con Tracker.

Outro relatorio interesante é o que abre as sesións de obradoiro do xoves. O obradoiro de aplicación e creación de materiais de Realidade Aumentada para Ciencias, presentado por diversos poñentes, algúns deles investigadores do CESGA, amosará ao profesorado exemplos e ferramentas sinxelas (ARToolKit, Blippbuilder, Aurasma, …) para que poidan traballar e crear materiais de Realidade Aumentada nas súas clases de ciencia.

Finalmente, tamén haberá cabida para os últimos estándares da web na sesión Mundos 3D con Javascript, no que Mario Rodríguez Riotorto amosará como integrar os mundos de tres dimensións nas nosos documentos web utilizando a librería libre Three. Amosaranse exemplos de código Javascript que poñan de manifesto os aspectos máis útiles e fundamentais, así como exemplos orientados ó eido da educación.

Poñencias da AMTEGA

Título: Compartindo o coñecemento con licenzas libres
Poñente: José María Casanova Crespo. Oficina de Coordinación de Software
Libre. Amtega.

Público Obxectivo: Docentes en xeral

Resumo:
O obxectivo deste relatorio é achegar aos asistentes os conceptos de cultura e coñecemento libres así como proporcionarlles as pautas para a correcta reutilización de materiais educativos así como facilitar a reutilización dos propios. Para iso realizarase unha breve introdución aos conceptos relativos á propiedade intelectual nos que se fundamenta a Reutilización da información, aos conceptos da Cultura libre e o coñecemento aberto, as licenzas libres e os estándares abertos.

Finalmente abordarase de forma práctica, a través de exemplos, as pautas e boas prácticas para a liberación de materiais educativos. Tratarase de dar resposta a preguntas como: Que licenza empregar para os meus materiais? Como incluír a licenza? Que debo ter en conta á hora de reutilizar outros materiais? Podo utilizar calquera imaxe ou texto de Internet na miña obra? Por que non debo empregar licenzas coa cláusula "Non Comercial"?

Título: Usos educativos da xeomática libre
Poñente: Pablo Sanxiao. Oficina de Coordinación de Software Libre. Amtega.

Público Obxectivo: Docentes en xeral

Resumo:
O obxectivo deste relatorio como xa o propio título indica, é achegar aos asistentes aos usos educativos da información xeográfica libre.

Explicarase a importancia da información xeográfica, como se pode facer uso da cartografía participativa na aula, explicarase como publicar mapas na nube para rematar cunha presentación do proxecto gvSIG Educa: Sistema de Información Xeográfica específico para o ensino.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal