Mancomún

V Xornadas de Usuarios do software estatístico R

Mércores, 14 Agosto 2013
V Xornadas de usuarios de R - zaragoza 2013As V Xornadas de Usuarios do software estatístico R terán lugar en Zaragoza durante os días 12 e 13 de decembro de 2013, no Centro de Arte e Tecnoloxía de Zaragoza.

O obxectivo destas xornadas é promover o coñecemento do software estatístico R e as súas aplicacións servindo de punto de encontro dos usuarios deste software cada vez máis estendido entre a comunidade científica polas súas completas funcionalidades e polas vantaxes que proporciona respecto doutras solucións estatísticas privativas con custosas licenzas de uso. Ademais preténdese tamén fomentar o traballo colaborativo e multidisciplinar propio do ámbito da investigación e do software libre.

Estas xornadas están pois principalmente dirixidas a usuarios e entusiastas de R de todos os ámbitos, universidade, institutos de investigación, administracións públicas, empresa privada…

Dende a organización convidan a participar e compartir coa comunicade exemplos interesantes que reflictan a madurez deste software, así como a diversidade dos problemas e campos nos que se vén empregando con éxito. Existen 3 formas distintas de participar activamente nas xornadas:

  • Comunicación orais de 15 minutos con 5 minutos de debate posterior, con posibilidade de modificación dos tempos finais en función do número de participantes.
  • Presentacións breves de 5 minutos, destinadas a que o poñente presente de forma moi concisa, quen é, que fai con R e as conclusións deste uso que podan ser de interese para o resto de asistentes.
  • Obradoiros de 2 horas aproximadamente, no que se expliquen paquetes, procedementos ou programas de R.

Para participar en calquera das modalidades é preciso cubrir o formulario de inscripción.

O prezo da inscrición é de 30 € (10 € para estudantes e desempregados), sempre que se faga antes do día 20 de novembro. A partires desa data, o prezo será de 60 €.

Premio Internacional de Xoves Usuarios de R 2013

Ademais, a Comunidade R Hispano, desexa promover o desenvolvemento de xoves talentos na área de análise de datos, polo que organiza un concurso co obxectivo de estes poidan amosar as súas habilidades con R e premiar o seu esforzo. O premio está aínda por confirmar, pero o gañador recibirá un diploma acreditativo así como diversos artigos promocionais ofrecidos polos patrocinadores.

O concurso está aberto á participación de calquera persoa nada a partir do 1 de decembro de 1983, coa condición de estar inscrito nas xornadas. Poderán presentarse traballos individuais que versen sobre algunha materia relacionada con R (investigacións, aplicacións, visualizacións, bitácoras …), tanto en lingua castelá como inglesa cunha extensión máxima de 20 páxinas. Os interesados en participar deberán remitir ao Comité Organizador (5j-co@r-es.org) a documentación descrita nas bases e os seleccionados deberán posteriormente facer unha defensa oral do seu traballo nas xornadas. A data límite de recepción de traballos é o 20 de novembro.

O xurado estará composto polo Comité Científico das xornadas de R, e valorarán tanto o rigor científico, como a orixinalidade e importancia do tema tratado, a claridade expositiva e a función didáctica para unha audiencia non experta.

Fonte: OSL do CIXUG

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal