Durante a primeira semana deste mes de setembro, impartiuse o curso organizado pola OSL da USC “Aprende traducindo. Localización de aplicativos ao galego.” Segundo os datos proporcionados polos organizadores, a este curso asistiron regularmente 24 das 26 persoas matriculadas, principalmente estudantes da USC e profesionais. O 63% dos asistentes foron mulleres.

O curso foi impartido por expertos na materia e recoñecidos membros da comunidade galega de tradución de Software Libre ao galego:
- Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo de tradución do proxecto Mozilla
- Francisco Diéguez Souto, coordinador do equipo de tradución do proxecto GNOME
- Antón Gómez Méixome, coordinador do equipo de tradución dos proxectos LibreOffice e OpenOffice e
- Miguel Anxo Bouzada, coordinador do equipo de tradución de Ubuntu
Durante o curso, os asistentes recibiron formación básica sobre os primeiros pasos a dar para participar na comunidade de localización de software libre ao galego, o proxecto Trasno, sobre os aplicativos máis destacados para a tradución asistida, as memorias de tradución e terminoloxía, guías de estilo e recursos web: Glósima, Tiboxe, …, así como a forma de colaborar nos principais proxectos de tradución de software libre ao galego e onde obter axuda no futuro.
Como material adicional, déuselle ao alumnado o seguinte:
- Manual de Ubuntu, cedido pola Asociación Trasno.
- Creando Software Libre, cedido pola Asociación Ghandalf.
O grao de satisfacción dos asistentes co curso é relativamente bo, así un 62% indican estar entre satisfeitos e moi satisfeitos co resultado do curso e para o 55% o curso cubriu as súas expectativas, ademais o 54% do alumnado recomendaría este curso a outras persoas. Unha importante parte do alumnado amosouse pois interesado polo contidos do cursos e manifestaron que lles sería de utilidade no seu traballo. Ademais acadouse outro dos obxectivos deste tipo de cursos, que é acadar novos membros para a comunidade de tradución de software libre ao galego xa que é posible que se unan tres persoas participantes neste curso.
A pesar dos aparentemente bos resultados, a organización amosa a súa preocupación polo alto grao de pouco ou nada satisfeitos, en comparación co resto de cursos realizados este verán, polo que analizaron os comentarios recibidos polo alumnado para mellorar a planificación e organización do curso de cara a futuras edicións. Así, o principal problema semella ser que curso foi pouco práctico e demasiado teórico. Foron moitos aspectos os que se pretenderon tratar nas 16 horas de curso e non deu tempo a realizar suficiente práctica segundo estaba inicialmente previsto.
