Igalia vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición na VI edición do Máster en Desenvolvemento e Xestión de Proxectos de Software Libre que organiza en colaboración co grupo GSyC/LibreSoft da Universidad Rey Juan Carlos.
Como en anteriores anos, o prazo de inscrición ordinario estará aberto ata finais deste mes de xullo, e todos os inscritos neste momento terán un 10% de desconto sobre o prezo final ao que é posible engadir outra serie de descontos en función do colectivo ao que se pertenza ou da data de remate dos estudos…
Este máster está orientado tanto a recén titulados como a profesionais que desexen mellorar a súas capacidades e competencias en Software Libre. O obxectivo é capacitar ao alumnado para dirixir, analizar e participar en proxectos de Software Libre de ámbito internacional e liderar proxectos de liberación, desenvolvemento e publicación de Software Libre, opción que conta cunha crecente demanda por parte de empresas e administracións públicas, concienciadas cada vez máis pola oportunidade que supón o código aberto en canto á mellora en produtividade e redución de custos.
Trátase dun título propio da Universidad Rey Juan Carlos e organízase ao redor dun ecosistema baseado nos estudantes e orientado á participación en comunidade, cunha gran dedicación á práctica e seguindo a filosofía de aprender facendo.
A clases son de carácter presencial, os venres pola tarde e sábados pola mañá, buscando unha maior compatibilidade co horario laboral e inclúe un período de prácticas en empresa adaptable ás necesidades dos alumnos que xa estean traballando e que pode resultar unha excelente oportunidade para aqueles que estean buscando traballo.
Segundo se pode ler no anuncio, inicialmente ofértase o máster tanto en Coruña como en Vigo, sendo determinante para a celebración nunha ou noutra sede a demanda final existente. As clases comezarán en novembro, estando pendente pechar a data exacta.
Todos aqueles que esteades interesados en adquirir unha excelente formación relacionada co Software Libre non dubidedes en botar un ollo ao vídeo de presentación do Máster no que Xavier Castaño, coordinador da área Web de Igalia, fai unha presentación en detalle da filosofía, metodoloxía e formato, contidos e actividades complementarias do Máster. Podedes tamén consultar o detalle da política de prezos e descontos .
Se xa estades decididos e non queredes perder a oportunidade de contar co 10% de desconto do prazo ordinario de matrícula, non tedes máis que cubrir o formulario de inscrición da sede que mellor vos conveña: Inscrición en Vigo ou Inscrición en Coruña.
