Mancomún

Viaxes espaciais dende o teu escritorio GNU/Linux

Martes, 18 Marzo 2008

Grazas a 3 aplicacións libres, poderemos facer viaxes virtuais polo espazo exterior sen necesidade de gastar unha fortuna como fixo o fundador de Ubuntu, Mark Shuttleworth.

Constelacións

  1. Stellarium. Aplicación multiplataforma que permite converter o teu computador nun planetario e navegar polo ceo a vontade.
  2. Celestia. Aplicación multiplataforma que amosa imaxes detalladas e realistas da superficie dos planetas e estrelas. Un paso máis alá que o anterior pois ademais de navegar polo espazo permítenos “aterra” no planeta ou estrela escollido.
  3. Xplanet. Aplicación que converte o noso computador nunha ventá aberta ao universo. Imaxina a sensación que teñen os astronautas ao ver a Terra dende o espazo exterior

A continuación describimos un pouco máis polo miúdo estas aplicacións.

Stellarium. Mediante esta aplicación podemos observar o ceo, aprender cousas sobre as estrelas e atopar as constelacións co mesmo realismo que se estivésemos a observalo nunha noite despexada co mellor dos telescopios, coa vantaxe de non ter que saír e agardar a que chegue a noite e que unha nube non nos estrague a observación. De feito a empresa Digitalis Education Solutions, emprega esta aplicación para fabricar os seus proxectores portátiles de planetarios.

Stellarium ven con información acerca de máis de 300.000 planetas, estrelas e outros astros ademais de poder descargar dende a súa web máis datos sobre moitas máis estrelas.

Cando arranca a aplicación por primeira vez, aparece o ceo de París, aínda que se pode configurar coa localización onde vivamos ou coa que desexemos visitar. Se a aplicación se arranca durante o día verase o sol, aínda que é posible acelerar o paso do tempo para que se faga de noite axiña e poder ver as estrelas. É moi doado desprazarse polo ceo para ir vendo as distintas estrelas, planetas ou constelacións. Premendo nun astro, aparece a información que se dispón sobre el, que será diferente dependendo de que sexa un planeta ou unha estrela. Para ver as constelacións pódese indicar que debuxe as liñas entre as estrelas que a conforman, e mesmo que debuxe as figuras asociadas a elas.

Celestia. Logo de ver o ceo con Stellarium é posible visitar as estrelas con Celestia. É unha aplicación multiplataforma que permite por exemplo planear sobre Marte, viaxar á estrela polar ou ver o sol dende ducias de anos luz. A NASA a emprega para o seu programa de adestramento. Para mostrar as imaxes emprega datos reais cando é posible e simulacións baseadas na teoría astronómica de como debe ser o cosmos cando non existen datos reais, aínda que non indica cando é real e cando non o que estamos a ver. Para empregar a aplicación é preciso dispoñer de hardware con aceleración gráfica.

Celestia ten imaxes e datos para poder ver con todo detalle a superficie de todos os planetas e principais lúas do noso sistema solar, ademais de varios planetas fóra do noso sistema e milleiros de estrelas. E se isto non fora suficiente, na web The Celestia Motherlode, hai ata 10GB de extensións. Entre estas hai algunhas curiosas que engaden planetas e viaxes espaciais de ciencia ficción como Babylon 5 e Star Wars.

 

Xplanet é unha aplicación que cada 10 minutos cambia a nosa imaxe de fondo de escritorio cunha imaxe personalizable do sistema solar, creando a ilusión de ter unha ventá ao universo.

O paquete fonte de Xplanet trae só imaxes correspondentes ao planeta Terra máis é posible descargar máis imaxes do proxecto flatplanet.

Fonte: Linux.com 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal