Dentro da sección de Experiencias TIC do Centro Demostrador TIC (CDTIC), no que se están a mostrar en forma de vídeos diferentes experiencias de transformación dixital en empresas pertencentes a diversos sectores non relacionados directamente coas tecnoloxías da información e das comunicacións, hoxe queremos destacar o caso de dúas empresas que están apostando pola solución de software libre Prestashop, que xa foi protagonista dun dos nosos artigos tecnolóxicos, para as súas tendas en liña.
A primeira destas experiencias é a de Todotaladros.com que nos fala dos beneficios que supón ter un socio tecnolóxico que de soporte á empresa. O segundo caso é o de LV Vogue, que nos conta como a súa empresa puxo en marcha un plan de marketing dixital que lle permitiu mellorar o servizo e obter novos clientes.Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia
Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas. As empresas do sector TIC poden solicitar realizar sesións demostradoras das súas solucións nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia. Todas as empresas galegas teñen á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas relacionadas con posibles solucións tecnolóxicas para as súas necesidades.
Así mesmo lembrar que o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.
E por último, o CDTIC Virtual, un servizo de aplicacións na nube, que permite obter unha instancia dunha aplicación de Software Libre, para poder probala sen necesidade de facer unha instalación propia. Este servizo está a incorporar pouco a pouco novas aplicacións, moitas delas presentadas en anteriores artigos tecnolóxicos.
