Mancomún

VII Xornadas de Software Libre do Concello de Mugardos

Martes, 1 Xuño 2010

Logo da Comunidade O Zulo A Asociación Comunidade O Zulo en colaboración co Concello de Mugardos, organiza por sétimo ano consecutivo unha nova edición das Xornadas de Software Libre Concello de Mugardos , que terán lugar o vindeiro 26 de xuño de 2010 no salón de plenos do concello.

De xeito anecdótico, estas son as primeiras xornadas que a Comunidade o Zulo organiza dende que se constituíu oficialmente como asociación sen ánimo de lucro.

O programa do encontro é moi completo e conta coa participación de membros doutras asociacións galegas de usuarios de software libre:
Programa das Xornadas

Mañá

  • 11:00 – 12:15 Achegamento a Ubuntu 10.04 – Oscar Amor
  • 12:30 – 13:30 Drupal, máis que un xestor de contido – Alberto Permuy (Comunidade o Zulo)

Tarde

  • 16:15 – 16:30 Presentación Asociación Comunidade O Zulo
  • 16:45 – 17:30 Procesos de localización ó galego – Proxecto Trasno
  • 17:45 – 18:00 Pausa
  • 18:15 – 19:00 P2P: estado actual, ¿somos todos piratas? – Carolina Montero (Comunidade o Zulo)
  • 19:00 – 19:45 Dominios interoperables. A convivencia é posible: Sistemas libres e privativos. Roberto Vieito (Asociación Ghandalf)

As xornadas, como todos os anos, son abertas e gratuítas, polo que calquera persoa interesada poderá achegarse ás mesmas.

Asociación Comunidade o Zulo

O pasado día 20 de febreiro de 2010, reuníronse en Mugardos en asemblea constituínte, os membros da Comunidade O Zulo: Alberto Permuy Leal, Pablo Robatto Rañales, Evaristo Deus Deus, Carolina Montero Garcia e Manuel Permuy Toimil, coa intención de:

Constituír unha asociación sen ánimo de lucro, ó abeiro da vixente Lei orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, denominada asociación «Comunidade O Zulo», que desenvolverá preferentemente as súas actividades no ámbito autonómico

  1. Promover a construción dunha sociedade de coñecemento libre.
  2. Promocionar no eido social, cultural e económico o uso de aplicacións informáticas de libre distribución e uso.
  3. Promocionar o idioma galego no mundo informático.
  4. Todos aqueles fins recollidos no estatutos da asociación.

Ademais consensuáronse e aprobáronse por unanimidade os estatutos polos que se rexerá a asociación e nomeouse a directiva da asociación.

Fonte: Asociación Comunidade O Zulo

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal