Na páxina de de recursos para programadores de IBM podemos atopar un interesante artigo no que, a modo de proba de concepto, se nos presenta a idea de visualizar redes sociais de forma gráfica e sinxela.
Un resumo do proceso levado a cabo sería máis ou menos así:
- Extracción de datos empregando a API de Twitter
Twitter ten unha API e documentación moi claras, o que proporciona métodos excelentes para acceder á “información social” dos usuarios.
Descárgase o perfil completo do usuario que especifiquemos, así como a imaxe de usuario, e os seus “amigos”. Os ficheiros xml con estes datos só se descargarán se non existen xa, así que se se quere contar con información recente, será necesario borralos á man se xa existen. O seguinte será conseguir a información referente aos “amigos dos amigos”.Como se poderá ver, moitos “amigos” comparten tamén algúns “amigos” entre si, o que reducirá o número de peticións aos servidores…
- Visualización
Unha forma de medir a influencia dun usuario en cada un dos seus “amigos” é considerar o número de “amigos” que ten ese “amigo”.Na teoría, os usuarios con menos amigos terán máis tempo para seguir as actualizacións e responder a preguntas. No exemplo de IBM cóntanse os “amigos” de cada “amigo”, e os 15 “amigos” máis “influenciables” engádense a unha variable. Unha vez obtidos eses datos, elabórase un gráfico con frechas de distintas cores e grosores, simbolizando a “influenciabilidade” da cada “amigo”.
- Palabras clave
Cando se descargaron os datos de cada un dos “amigos”, descargáronse tamén os seus “históricos” (os últimos 200 “tweets”, segundo a terminoloxía de Twitter ). Con esa información pódense elaborar “gráficos de palabras clave” , empregando a API de Google Chart .
- Xeolocalización
Despois de ver quen pode ser máis influenciado, e que palabras son as que máis se están a repetir, poderemos tamén ver en que lugar do mundo se atopan os nosos “amigos”, empregando plot-latlong , unha ferramenta para pintar puntos en mapas xeográficos a partir de listas de coordenadas, e empregando tamén o módulo de perl Geo::Coder::Yahoo , para obter as coordenadas das localizacións dos “amigos”.
Todo isto pode verse na páxina de IBM , na que ademais se poden ver os gráficos resultantes, e de onde se pode descargar o código fonte de exemplo.
