Zimbra é un dos maiores provedores e vendedores de plataformas de correo electrónico e colaboración do mundo xunto con Microsoft e IBM, acadando máis de 55 millóns de caixas de correo contratadas en máis de 150 mil organizacións en todo o mundo – o que supón un crecemento dun 80% ao ano. Este crecemento, débese en gran medida, segundo recoñecen na propia web de Zimbra, ao pulo de Yahoo! Inc ás tecnoloxías de Zimbra nos últimos anos..
A semana pasada VMware, o líder en solucións de virtualización tanto para escritorio como para centros de datos e computación na nube, anunciou a semana pasada o acordo ao que chegou con Yahoo! Inc para a adquisición de Zimbra.
Dende Zimbra, manifestan estar moi ilusionados con esta adquisición, ao tempo que queren tranquilizar a toda a súa comunidade de usuarios, clientes e socios co compromiso de manterse fieis aos seus obxectivos ao 100%. Segundo comentan, a súa unión a VMware permitiralles acelerar o investimento nas súas tecnoloxías para fornecer a mellor plataforma de correo electrónico e colaboración do mercado. Están moi contentos de unirse a SpringSource, e de converterse noutra pedra angular dunha impresionante suite de produtos VMware que agora integrará virtualización, middleware e aplicativos.
Zimbra Collaboration Suite converteuse nunha gran plataforma de código aberto, grazas ás persoas que proporcionan información e asesoramento cada día. O recente lanzamento da versión ZCS 6.0 foi resultado directo da resposta da comunidade de usuarios. Entre as novas características que incorpora, destacan novas e potentes funcionalidades de colaboración para usuarios de empresas e para os administradores de sistemas, mellor xestión de dispositivos móbiles así como a capacidade de xestionar Twitter, Facebook e outras redes sociais.
Os produtos de Zimbra foron deseñados desde a base tendo en mente a virtualización e a computación na nube, cunha arquitectura modular e APIs que permiten unha acceso distribuído a datos e almacenamento. O correo electrónico e os servizos de colaboración foron de sempre omnipresentes nas organizacións, e agora os obstáculos para realizar unha transición a contornos de virtualización eficientes será moito máis transparente.
En VMware, Zimbra seguirá centrándose no seu plan de produtos e establecendo o estándar para a colaboración baseada na web. Agardan que Zimbra Desktop 2.0 teña unha mensaxería máis en tempo real, novas formas de compartir contido en espazos de traballo colaborativo, melloras na planificación de equipos e servizos de continuidade de negocio. Co tempo tamén axustarán o alcance do plan de traballo para reflectir o incremento de inversión e ademais integrarase tamén Zimbra na infraestrutura na nube VMware’s vSphere.
Steve Herrod, CTO de VMware, escribiu un excelente post amosando a estratexia de VMware e como encaixan nela os produtos de Zimbra.
Fonte: Zimbra
