Mancomún

VMware anuncia un cliente de escritorio de código aberto

Mércores, 4 Febreiro 2009
vmwareVMware, o líder global en solucións de virtualización para escritorios e centros de datos, anunciou onte o primeiro cliente de código aberto para a infraestrutura de escritorio virtual, VMware View Open Client. Non obstante, esta solución estará só dispoñíbel para as persoas asociadas á empresa.

Vmware View (licenciado actualmente baixo LGPL V 2.1.) permítelles ás organizacións de novas tecnoloxías aloxar de forma segura os contornos de escritorio no centro de datos, ao tempo que lles posibilita ás persoas usuarias acceder aos seus escritorios personalizados dende case calquera dispositivo e en calquera momento -todo a un menor custo de propiedade que os tradicionais contornos de escritorio.

Coa nova solución, Vmware Open Client, as persoas usuarias poderán ver o código fonte. Con esta proposta os clientes serán quen de optimizar os seus produtos para mellorar o acceso aos escritorios personalizados. Asemade, esta iniciativa permitirá á comunidade de socios empregar o código fonte para axudar a acelerar o desenvolvemento de solucións para empresas que buscan xestionar milleiros de escritorios virtuais de xeito simple, seguro e con custos de explotación máis baixos.

Este anuncio supón un paso máis cara á iniciativa de Vmware por xerar clientes universais  -escritorios que seguen ás persoas usuarias a calquera punto-, achegando unha experiencia personalizada, segura, rendíbel e doada de administrar.

Fonte: VMware

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal