Mancomún

Web especializado no software libre para o terceiro sector

Mércores, 5 Outubro 2011

Logotipo de AGASOLA pasada semana, como xa vos informamos, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) organizou unha xornada dirixida fundamentalmente ás asociacións e organizacións do terceiro sector que operan en Galicia, co obxectivo de achegarlles as ferramentas informáticas libres de interese para ofrecer un mellor servizo aos colectivos desfavorecidos.

Nesta xornada fíxose a presentación pública dun novo portal web especializado no Terceiro Sector e o Software Libre. Dende AGASOL definen este novo web como un espazo de construción cooperativa de coñecementos para o uso e implantación do Software Libre, adecuándose ás necesidades e aos obxectivos das entidades do terceiro sector.

O portal nace con vocación de converterse nunha verdadeira ferramenta de traballo a medio prazo e co que se pretenden acadar os seguintes obxectivos:

  • Mostrar experiencias e solucións baseadas no Software Libre para o terceiro sector.
  • Converterse nunha plataforma de intercambio e colaboración entre axentes TIC e sociais.
  • Mostrar novas, tendencias e ligazóns de interese para o sector.

O Software Libre respecta as liberdades dos usuarios, posibilitando unha relación ética coa Tecnoloxía, motor de Transformación Social. Así o Software Libre supón un punto de inflexión no uso das tecnoloxías da información para as entidades do terceiro sector, posibilitando un uso ético, adecuado, eficaz e eficiente das mesmas.

Na sección Recursos deste novo portal recóllese unha boa recompilación de ligazóns a proxectos que melloran ou facilitan o acceso das novas tecnoloxías ás persoas con diversidade funcional, como por exemplo o proxecto Orca, proxecto do contorno de escritorio GNOME que combina ferramentas de síntese de voz que actúan como lector de pantalla, coa posibilidade de traballar con Braille e magnificación de pantalla; Gnopernicus permite aos usuarios con visión limitada, ou sen visión, usar o escritorio e os aplicativos de GNOME. Proporciona un paquete de utilidades composto dunha lupa ampliadora de pantalla, lectura de pantalla con voz mediante o sintetizador Festival, e uso dun teclado Braille para mostrar a saída de texto; Dasher , software que funciona como "interface" de texto, permitindo escribir a través dun sofisticado sistema preditivo baseado no movemento do punteiro do rato, permitindo substituír a escritura a través do teclado polo movemento do rato; … e moitos outros proxectos.

Tamén pode descargarse o documento completo "Solucións TIC en Software Libre para persoas con discapacidade (PDF)"

Este proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal