Wine finalmente está listo para conxelar o código e publicar a primeira versión candidata de wine 1.0.
Wine é unha implementación da API de Windows que fai posible executar aplicacións para Windows dende o sistema GNU/Linux, por exemplo, Photoshop, Iexplorer, e o seu punto forte, multitude de xogos populares, sendo esta última a categoría con maior número de aplicacións.
O desenvolvemento de Wine remóntase ao ano 1993 coma un intento de dar soporte a aplicacións de Windows 3.1 en Linux. Dende entón, ano a ano, o equipo de desenvolvemento foi acadando soporte a un maior número de aplicacións de Windows e actualizándose ao tempo que o facía o sistema de Microsoft.
Despois de todos estes anos de desenvolvemento semella que por fin as funcionalidades e a estabilidade de Wine son suficientes para considerala xa unha aplicación madura digna dunha versión 1.0.
A conxelación de código non quere dicir que non se vaian corrixir erros mais ben refírese a que non se farán modificacións que poidan desestabilizar a aplicación. De feito, dende o proxecto fan un chamamento de axuda para probar a aplicación e enviar os erros detectados a bugzilla para que o lanzamento da versión 1.0.0-rc1 o vindeiro 9 de maio estea o máis libre de erros posible.
