Mancomún

WordPress 3.5 dispoñible en galego

Xoves, 17 Xaneiro 2013

O pasado mes de decembro publicábase WordPress 3.5 e esta semana, como podemos ver no portal de Trasno, grazas á comunidade de tradución de WordPress ao galego xa podemos desfrutar desta última versión na nosa lingua.

Anuncio da versión 3.5 en galego no blogue da comunidade galega de WordPressComo podemos ler na páxina da comunidade galega de WordPress, a tradución desta aplicativo á nosa lingua ten unha longa historia na que participaron moitas persoas ao longo do tempo, e que nas últimas versións vénse realizando a través de GlotPress, a ferramenta de tradución colaborativa de WordPress.

O núcleo de Worpress así como o novo tema Twenty-twelve están ao 100% en galego, mais a parte dos menús de administración e de administración de rede aínda non conseguiron superar o 75% da tradución polo que agradecen as achegas de todos aqueles interesados en poder empregar esta ferramenta integramente en galego. Para colaborar só é preciso rexistrarse no GlotPress cunha conta de usuario de WordPress e comezar a contribuír. É conveniente coordinarse co grupo de localización de WordPress ao galego.
As principais novidades de WordPress 3.5, de nome en clave Elvin, son a incorporación dun novo xestor multimedia cun completo redeseño máis sinxelo e intuitivo, ao que se lle dotou dunha maior axilidade e facilidade para a inserción e xestión de imaxes; un novo tema predeterminado, Twenty Twelve, máis simple, flexible e elegante deseñado especialmente para os dispositivos móbiles. Ademais trae numerosas melloras no panel de administración que agora está preparado para aproveitar a resolución das novas pantallas Retina, vén cunha nova páxina de benvida, mellora na accesibilidade nos lectores de pantalla, refinamento das páxinas de administración …

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal