Mancomún

WordPress 4.0 “Benny” dispoñible 100% en galego

Mércores, 10 Setembro 2014

Segundo nos informan dende a comunidade de tradución de WordPress á nosa lingua, dende o pasado día 4 de setembro está xa dispoñible a nova versión 4.0 do popular CMS WordPress nomeada “Benny” na honra de Benny Goodman. 

Como vén sendo habitual nas últimas versións está dispoñible 100% en galego.

Captura das estatísticas de tradución de WordPress 4.0 ao galego
Unha das principais novidades desta versión é a posibilidade de escoller o idioma no primeiro paso da instalación, estando xa todo o proceso de instalación na lingua escollida. Se se descarga a versión localizada, xa non sería preciso pasar polo primeiro paso de escolla de idioma. Ademais, unha vez instalado poderá cambiarse rapidamente o idioma da instalación dende a opción Axustes > Xerais.

Outras novidades importantes relativas á usabilidade e experiencia de uso son:

  • Melloras na edición. A edición agora é máis sinxela permitindo centrarse no contido. O editor expándese a medida que imos escribindo, e a barra de formato mantense sempre dispoñible no punto de escritura.
  • Melloras para a inclusión de obxectos embebidos. Agoran previsualízanse automaticamente dende o editor. Ademais aumentouse o tipo de obxectos que se poden embeber incluíndo por exemplo charlas TED, listas de Youtube, …
  • Melloras na navegación da biblioteca multimedia.
  • Melloras na busca e instalación de plugins.

É posible descargar WordPress 4.0 en versión internacional ou a versión en galego. Ademais tamén é posible realizar a actualización dende versións anteriores.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal