Un dos maiores medos dos usuarios habituais de Windows á hora de probar a instalar Linux é perder os seus datos ou que o seu sistema Windows deixe de funcionar. Agora, grazas a Wubi, xa é posible instalar Ubuntu desde Windows, sen necesidade de particionar o disco e polo tanto sen risco de perda de datos. Polo momento está en fase Beta, pero ten xa informes moi positivos.
Recentemente Mark Shuttleworth, o fundador de Canonical, escribiu unha carta aberta no seu blogue, explicando os motivos da incorporación de Wubi á próxima Ubuntu 8.04. Basicamente menciona que gran parte do éxito de moitos proxectos libres é a facilidade de empregalos dende Windows ou MacOsX o que permite que os usuarios os proben facilmente e coñezan así toda a súa potencialidade descubrindo ao tempo as vantaxes do Software Libre. Aproveita tamén para pedir a todos os usuarios de Linux que aínda teñan instalado Windows que o proben e reporten todos os erros que atopen para solucionalos antes da saída da Ubuntu 8.04.
A instalación e desinstalación de Wubi faise como con calquera outra aplicación para Windows, o que supón unha gran vantaxe para os usuarios inexpertos. Wubi instala Ubuntu nun ficheiro na partición de Windows e engade unha entrada no sistema de arranque de Windows para poder escoller entre os dous sistemas cando arranca a máquina.
O proceso de instalación apenas dura uns 10 minutos e logo de rematar, ao reiniciar o computador xa é posible escoller arrancar con Ubuntu. Unha vez arrancado continúase co proceso de instalación, xa dende Ubuntu, o que pode tardar aproximadamente outros 5 minutos. Reiniciando novamente xa podemos empregar Ubuntu ao noso gusto.
O rendemento do sistema así instalado por suposto non chega a igualar ao dunha instalación nunha partición dedicada pero é unha boa alternativa para quen quere probar Ubuntu dun xeito máis efectivo que coas limitacións dun Live-cd pero sen arriscarse a particionar o disco duro. Neste Ubuntu é posible instalar aplicacións, gardar documentos como en calquera instalación estándar. O único inconveniente é que non hai posibilidade de acceder aos ficheiros almacenados en Windows.
Ademais empregando Loopmounted Virtual Partition Manager é posible pasar o Ubuntu instalado en Windows a unha partición dedicada ou mesmo substituír directamente a de Windows.
