Xa é oficial!, acaba de saír a versión 3.5 final de Firefox, o navegador que xa é empregado por entre un 20 e un 25% dos internautas. A versión que en principio ía ser a 3.1 pero que se renomeou á 3.5 para dar conta do maior alcance nos seus cambios está dispoñíbel dende onte para a súa descarga oficial.
Segundo anuncia a fundación Mozilla este é o Firefox máis rápido ata o momento. Isto débese a que se mellorou o motor que emprega Firefox. Para que as persoas usuarias se fagan unha idea de canto máis rápida é a 3.5, Mozilla asegura que esta versión é dúas veces máis rápida que o Firefox 3, e dez veces máis rápida que Firefox 2. Así, aplicativos coma o correo, redes sociais ou páxinas onde se precisa cargar imaxes responden mellor.
Entre as principais melloras e as máis salientábeis desta versión atópase tamén a compatibilidade con HTML 5, que é o novo estándar para as páxinas web. Grazas a isto, pódese reproducir audio e vídeo de forma nativa.
Asemade, podemos atopar melloras en varias funcións de privacidade. Así como un sistema para que o navegador comparta información de localización de usuario con determinados servizos web, obtendo resultados máis precisos -sempre e cando a persoa o permita.
Firefox 3.5 conta co motor JavaScript TraceMonkey, que lle dá ao navegador un rendemento máis optimizado ca nunca, cunha velocidade moi superior á de versión anteriores.
Respecto do tratamento da memoria, a 3.5 emprega menos memoria que os seus competidores segundo reflicte unha comparativa levada a cabo por softwarelibre.net.
Mozilla montou para esta ocasión o sitio Worldwide Real-Time Firefox Downloads , onde se pode apreciar en tempo real a cantidade de descargas do navegador discriminadas por país e por segundo.
Este vídeo mostra que é o que hai de novo en Firefox 3.5:
http://www.youtube.com/watch?v=k5Zbc-Rg6e8
Mancomún completa a tradución ao galego das novas versións publicadas por Mozilla
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, como coordinador da comunidade, conseguiu manter completamente actualizada a tradución de todos aplicativos máis populares da suite Mozilla, os cales están xa dispoñíbeis para a súa descarga oficial coincidindo co seu respectivo lanzamento.
Entre estes aplicativos están, ademais do popular navegador Firefox 3.5, o xestor de correo electrónico, Thunderbird; o administrador de axenda Sunbird e o contorno que os integra a todos nunha única interface, o Seamonkey. Como novidade nesta ocasión estase integrando a tradución do aplicativo para o seu uso en dispositivos móbiles, Fennec.
Coa conclusión da tradución para esta nova versión, Mancomún consegue asentarse como coordinador eficiente na tradución dos produtos Mozilla, deixando atrás a polémica suscitada a raíz das declaracións que hai un ano realizara o presidente da Fundación Mozilla, Tristan Nitot, nas que negaba a capacidade da comunidade galega para realizar a tradución desta suite.
A colaboración está aberta á participación de todos, se quere colaborar coa comunidade pode obter toda a información necesaria na páxina de tradución do web.
Os aplicativos de Mozilla en galego son utilizados agora por multitude de persoas, tanto no ámbito persoal coma no empresarial e na Administración pública.
Fontes: Barrapunto.com
