Mancomún

Xa está dispoñíbel KOffice 2.0

Venres, 29 Maio 2009

kofficeA versión final de KOffice, a 2.0, xa está aquí, despois de tres anos de duro traballo, nos que se deu prioridade sobre todo a acadar a compatibilidade con Qt4 e KDE4, pero tamén en reconstruír os aplicativos que compoñen esta suite ofimática.

Nos últimos anos, o equipo de KOffice reestruturou o framework nunha base de código áxil e flexíbel, coa intención de mellorar a integración entre os compoñentes de KOffice e tamén reducir a funcionalidade duplicada, para así simplificar na medida do posíbel a o mantemento e desenvolvemento de novas características.

O equipo de KOffice fai fincapé en que esta versión vai destinada a desenvolvedores, ou a calquera que queira probar esta nova versión. No entanto, non está preparada aínda para o usuario final, polo que non se lles recomenda ás distribucións, polo momento, engadir KOffice como suite ofimática predeterminada, xa que se agarda que aparezan erros e incompatibilidades a medida que sexa probado por un maior número de persoas.
Outro detalle importante é que KOffice 2.0 non conta con todas as características, nin con todos os aplicativos de KOffice 1.6, aínda que se prevé que as versións 2.1 e 2.2 si o fagan.

Esta versión conta cos aplicativos KWord (procesador de textos), KSpread (folla de cálculo), KPresenter (xestor de presentacións), KPlato (administración de proxectos), Karbon (editor de gráficos vectoriais) e Krita (editor de imaxes). Por outra parte, a antiga KChart é nesta nova versión de KOffice un plugin e, tanto o aplicativo de bases de datos Kexi como o editor de formulas non estarán dispoñíbeis ata a versión 2.1. Non sucederá o mesmo, polo menos de momento, con Kivio, xa que non conta actualmente cun responsábel oficial do seu mantemento.

Esta versión 2.0 está dispoñíbel para GNU/Linux (KDE e GNOME), Windows e Mac OS, e agárdase que non tarde en estar operativo para Solaris e para outros sistemas operativos baseados en Unix.

Debido a que a aceptación e o uso do formato estándar de documentos OpenDocument Format (ODF), medra a ritmo exponencial, está configurado como formato predeterminado no KOffice, polo que que será compatíbel con outras suites ofimáticas coma OpenOffice.

Fonte:http://blogografia.com/koffice-2-llega-a-tu-escritorio.html

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal