GNOME 3.0 verá a luz en setembro de 2010, e mentres tanto, publicarase GNOME 2.30 en marzo de 2010, continuando así a longa tradición en GNOME de lanzamentos bianuais.
Así comeza o anuncio enviado por Vincent Untz á lista de anuncios de GNOME. Un correo electrónico no que se deixa clara a planificación a curto e medio prazo en canto ao coñecido contorno de escritorio.
Citando o texto deste correo electrónico: Grazas á información dos usuarios, somos capaces de debuxar un claro cadro de onde estamos hoxe e de onde estaremos o próximo marzo. Tal como se menciona no documento de planificación para GNOME 3.0, a data de lanzamento de GNOME 3.0 non está gravada en mármore: á vez que empregamos unha planificación estrita, que nos permite publicar GNOME cada seis meses, GNOME está por riba de todo iso, usando unha política de lanzamentos baseada na calidade. Esa é a razón de que a nosa comunidade queira que GNOME 3.0 sexa plenamente funcional para os usuarios e pola que cremos que setembro é unha data máis apropiada.
A idea de facer GNOME 3.0 discutiuse en serio por primeira vez en 2008, antes de que se definiran as áreas nas que enfocarse, no 2009, xunto cun plan para alcanzar a 3.0. Estas áreas nas que enfocarse inclúen a modernización da experiencia de usuario, pulir a plataforma e mellorar a promoción de GNOME. Comparándoo con GNOME 3.0, GNOME 2.30 recibirá as melloras e correccións de erros normais que a xente esperaría na rama 2.x, e ademais incluirá algún traballo preliminar necesario para GNOME 3.0.
Os plans para GNOME 3.0 inclúen importantes cambios na interface de usuario, incluíndo novos conceptos como GNOME Shell ou GNOME Zeitgeist. No apartado de "pulir" a plataforma, está planeado eliminar as bibliotecas obsoletas, crear unha área para novas bibliotecas que desexen entrar na plataforma (como pode ser o caso de GStreamer), a inclusión de novas tecnoloxías (como Clutter, ou GeoClue para a xeolocalización), etc. Espérase que GNOME 3.0 represente para o escritorio GNOME unha revolución tan grande como KDE 4 supuxo para KDE.
A mensaxe enviada á lista de correo remata cun magnífico desexo para o futuro:
Fagamos de 2010 un ano fantástico para GNOME!
