O próximo Sábado 14 de Xaneiro, no Centro Sociocultural Caramoniña de Santiago de Compostela, vaise celebrar o día dedicado a Xamarin onde os participantes poderán aproveitar o tempo para aprender sobre os SDK baseado en Mono para desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles intelixentes para distintas plataformas: Android, iOS, Windows e Mac.
O evento está organizado en base a sesións técnicas de interese e obradoiros. Trátase dun evento enfocado á divulgación desta tecnoloxía aberta patrocinado por Recuncho Maker de Santiago de Compostela e Microsoft. Malia que é certo que non existen limitacións formativas previas, a organización si que aconsella certo nivel de conceptos básicos de programación en C# para un mellor aproveitamento dos obradoiros.
Xamarin é unha contorna de desenvolvemento que se licencia baixo os termos da licenza MIT para todo o seu código baseado en Mono, así como os SDK de Xamarin para iOS e Android da Fundación .NET.
O pasado Abril este framework foi noticia xa que o seu CEO, Nat Friedman, e co-fundador de Xamarin, anunciaba públicamente no blog oficial de Xamarin o compromiso de abrir o código do SDK de Xamarin, como así nos facíamos eco en Mancomún do mesmo anuncio.
Agora todos os interesados na aprendizaxe de Xamarin, poden achegarse ao Xamarin Day de Compostela, previa inscrición.
Axenda
09.30 – Rexistro
10,00 – 10,40 – Introdución a Xamarin + Azure
10.50 – 11.30 – Xamarin Forms
12,00 – 14,00 – Obradoiro práctico
14.30 – Almorzo
Xamarin
Xamarin é unha empresa que foi creada por Miguel de Icaza e Nat Friedman en maio de 2011 para o desenvolvemento dunha plataforma libre baseada en .NET para dispositivos móbil multi-prataforma. Xamarin foi recentemente adquirida por Microsoft. O anuncio oficial chegou o pasado 18 de marzo.
.NET Foundation
A .NET Foundation é unha organización independente, constituída o 31 de marzo de 2014, por Microsoft Corporation, para mellorar o software Open Source no referente ao framework .NET. Os proxectos que entran a formar parte da fundación son libres de elixir calquera licenza libre das definidas pola Open Source Initiative (OSI).
