Pablo Belay Fernández, presentou como proxecto de fin de carreira na Universidade da Coruña, a aplicación xeoPesca. A aplicación foi publicada con licenza libre, concretamente GPL3, está rexistrada na Forxa de Mancomún e o seu autor manifestou a súa intención de participar no Premio ao mellor PFC con licenza Libre 2013.
XeoPesca é unha aplicación web que ten como obxectivo principal a creación dun rexistro da actividade pesqueira da flota de barcos dun armador que lle permitirá obter unha serie de vantaxes competitivas, como son:
- Facilitar o intercambio de información entre patrón e armador
- Análise dos recursos mariños para optimizar as capturas en función da experiencia previa rexistrada no sistema. Este cálculo de zonas con maior frecuencia pode ser axustado a diferentes variables como a temperatura, a dirección do vento, a fase luar… entre outras.
- Ofrecer un valor diferencial á hora de comercializar as capturas, xa que permite unha maior trazabilidade alimentaria.
Segundo indica Pablo, no portal do proxecto, o xerme desta aplicación é permitir avaliar a situación da costa, dos stocks mariños e ofrecer unha ferramenta que permite optimizar as capturas e os bancos de pesca co fin de ter tanto vantaxe competitiva como un repositorio documentado da práctica pesqueira. Actualmente o proceso de pesca en Galicia baséase no recordo humano. Non se realiza un repositorio documentado desa experiencia pesqueira coa cal avaliar de forma empírica os mellores caladoiros e estratexias.
Ofrecer unha ferramenta informática libre que analice os recursos mariños e as capturas en función da experiencia previa é o obxectivo deste traballo, pois na actualidade non existen ferramentas libres para este fin polo cal so hai ferramentas privativas cun alto custe económico en licenzas. A gran maioría dos armadores galegos teñen unha dimensión media ou pequena e non poden permitirse un gran desembolso económico en licenzas de aplicacións privativas.
A solución desenvolvida é unha aplicación web á que se lle deu corpo baixo a metodoloxía iterativa incremental empregando ferramentas como Java, PostGreSQL, PostGis, Hibernate Spatial,OpenLayers, Maven, GeoServer.
Ademais do portal do proxecto, dispón de ferramentas de comunidade, como conta de twitter, lista de correo e formulario de contacto. Ademais dispón de documentación de usuario e de instalación e acceso ao código fonte.
VI edición do Premio ao mellor PFC con licenza libre
Aproveitamos a ocasión para lembrarvos que segue aberto o período de inscrición na VI edición do Premio ao mellor PFC con licenza Libre promovido pola AMTEGA, e que este ano conta coa colaboración da OSL do CIXUG para a súa organización.
Animamos a todos aqueles que teñan desenvolvido e defendido os seus Proxectos de Fin de Carreira ou de Fin de Grao nalgunha das convocatorias do ano académico 2012/2013 que cumpran cos requisitos de licenciamento, a que se inscriban no mesmo, e a aqueles que estean en proceso de desenvolvemento dos seus proxectos a que se animen a realizalos con software libre e publicalos cunha licenza libre cos que poderán participar en futuras convocatorias do premio.
Todoso os interesados no procedemento de inscrición, ou en coñecer como poden desenvolver o seu proxecto de forma que sexa un posible candidato a futuros premios pode consultar tanto coa OSL do CIXUG como coa Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA, ou inscribirse na lista de correo do premio, onde se lles poderán resolver as dúbidas que teñan.
