O vindeiro mércores 6 de maio, de 10:00 a 15:30 horas, terá lugar a primeira xornada demostrativa do proxecto Stamar, na que se presentarán diversas solucións tecnolóxicas relacionadas coa xestión pesqueira. Esta xornada celebrarase no Centro Demostrador TIC de Galicia.
Concretamente, neste primeiro encontro presentarase o catálogo BAT (Best Avaliable Technologies), unha preselección rexional das mellores tecnoloxías, que será posta a disposición das empresas do sector e demais axentes implicados.
Entre estas tecnoloxías que se van presentar, destacamos a presenza do proxecto Xeopesca, proxecto galego con licenza libre e gañador de diversos premios e recoñecementos.
Así, Javier Alonso Soto, membro da Asociación xeoPesca e desenvolvedor do proxecto e Pablo Belay Fernández, presidente de xeoPesca e tamén desenvolvedor, farán unha presentación do proxecto e das súas orixes e valores, para continuar cunha demostración na que farán un breve recorrido pola aplicación e as súas funcionalidades para finalizar falando do futuro próximo da aplicación.
Os interesados en asistir a esta xornada poden inscribirse no 981 555 291 ou a través do correo electrónico stamar-xornadas @ xunta.es dado que o aforo será limitado.
Stamar
Stamar é un proxecto europeo, liderado por Galicia, que ten como obxectivo que as pemes do sector marítimo coñezan as innovacións tecnolóxicas máis relevantes para o sector. Trátase dunha iniciativa encabezada pola Amtega que conta coa participación como socio da GAIN, ademais de 7 entidades de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal.
O proxecto Stamar ten como obxectivo contribuír a mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das pemes do sector marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de transferencia tecnolóxica a través da creación dun centro transnacional demostrador das capacidades e tecnoloxías aplicables á industria marítima.
Préstase especial atención a aquelas tecnoloxías que favorecen o desenvolvemento económico e comercial preservando a biodiversidade e facilitando un desenvolvemento sostible co medio ambiente
Centro Demostrador TIC
Unha parte fundamental do proxecto é o Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) que será o modelo de referencia a seguir polo resto das rexións participantes a modo de escaparate tecnolóxico e referencia no impulso e uso das Tics nos sectores produtivos a través principalmente da asesoría, capacitación e formación tecnolóxica.
Localizado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, a Amtega puxo en marcha o CDTIC fai tres anos consolidándose xa como o escaparate tecnolóxico de Galicia grazas ás súas actividades de impulso e difusión das Tics nos sectores produtivos galegos.
