Mancomún

Xestión de escritorio, aplicativos e fontes máis doada con Ubuntu Tweak 0.4.9

Xoves, 17 Setembro 2009

Ubuntu Tweak 0.4.9Logo de máis dun mes de desenvolvemento, acaba de saír a nova versión de Ubuntu Tweak que unha ferramenta máis ca recomendábel para un usuario non informático de Linux da que xa temos falado nalgunha ocasión. A nova versión do aplicativo é compatíbel case que con todas as versións previas de Ubuntu e como novidade tamén está en probas de compatibilidade coa inminente futura Karmic (Ubuntu 9.10), agora en desenvolvemento.

Entre as novidades máis salientadas polos autores está unha xestión máis fina dos aplicativos de terceiros porque ao seren tan doados de instalar con Ubuntu Tweak acaba por acumularse no sources.list unha lista xigantesca e mareante para manexar.

Engádese nesta nova versión un bo feixe de novos aplicativos ofrecidos de partida mediante os PPA (arquivos persoais de paquetes) típicos de Ubuntu: aMule, Google Testing Repository, GmChess (xadrez chinés), Smplayer Testing, GIMP Testing, Back In Time (ferramenta de copia de seguranza), Geany, SpiceBird, Moblin Testing, PlayOnLinux, RedNotebook, Breathe Icon Theme, Qt, Mono, Exaile, Clutter, Ubuntu X Unstable, Gloobus… Esta última representa unha funcionalidade interesante para o escritorio de GNOME xa que habilita unha previsualización a toda pantalla de calquera ficheiro, incluso con realzado de sintaxe cando se trate de código.

Integración e ordenación

A partir de agora Ubuntu Tweak manexará as fontes dos aplicativos de terceiros nun ficheiro propio e diferente (que se gardará/etc/apt/sources.list.d/) do ficheiro de fontes de software principal e predefinido, de modo que a consulta de fontes de terceiros se estrutura de modo máis simple mediante un cadro despregábel no editor de fontes. Se non quixeramos empregar esta capacidade é posíbel desactivar a separación de fontes nas preferencias do aplicativo.

Xestiónd e fontes
Na xestión deste punto é onde se atopa a máis significativa mellora desta versión: tras activar a fonte do aplicativo que queremos instalar aparecerá unha xanela que informa do/s aplicativos que se van instalar e que actualizacións dos xa instalados poden aplicarse de modo que non é preciso acudir á función de Engadir/Eliminar no menú "Aplicativos" e ao Xestor de actualizacións, de modo que se integra e automatiza mellor a xestión.

Xestión de temas de escritorio
Temas de escritorioUn outro aspecto complementario na xestión das instalacións é que agora se pode tamén empregar para a instalación de "temas" visuais. A este respecto cómpre lembrar que, como con calquera aplicativo, cómpre activar algunha fonte de temas (trae só unha). Está previsto que na vindeira versión 0.50, para a que se esperan importantes novidades, se incorporen moitas máis fontes de temas gráficos.

Seguridade
Ubuntu Tweak mellora tamén na xestión da seguridade, implementando un mecanismo de PolicyKit para que só unha solicitude autenticada polo usuario poida facer alteracións nas opcións que manexa o propio Ubuntu Tweak a través do sistema dbus.

O que se mantén é a localización ao galego grazas aos voluntarios da comunidade. Esta versión é a última da serie 0.4 e para a súa instalación ofrécense diferentes paquetes DEB para arquitecturas de 32 e 64 bits:

https://launchpad.net/ubuntu-tweak/0.4.x/0.4.9

Fonte: Ubuntu-Tweak.com

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal