Mancomún

XIII Xornadas Libres de GPUL

Venres, 3 Outubro 2014

A vindeira semana, do 8 ao 10 de outubro terá lugar unha nova edición das Xornadas Libres do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Estas son xa as XIII xornadas, o que fai delas un dos eventos de promoción do software libre máis antigo da nosa terra.

Imaxe do banner do portal das Xornadas Libres

Un ano máis estas xornadas, contarán co apoio de antigos alumnos da facultade, de socios do GPUL, de empresas do sector e doutras asociacións comprometidas co mundo libre, co obxectivo de achegar aos asistentes ao mundo do hardware, software e a cultura libre en xeral.

Durante os 3 días que duran as xornadas, haberá diversas actividades de todos os niveis, dende introdutorio a avanzado e enfocadas tanto a estudantes como a profesionais do sector.
Cartel do programa da xornadasUn completo programa que ofrece numerosos relatorios matutinos de interesantes e variadas materias, como Javascript, Groovy On Grails, ownCloud, KDE ou Wikipedia, wikimedia e coñecemento libre.

O programa complétase co obradoiros durantes as tardes, abranguendo dende introdución a Arduino, desenvolvemento de aplicacións web con MongoDB e Python, creación dun clúster de Hadoop con Cloudera, creación dun plugin para QGIS ou o clásico de control de versións con Git, ata edición en Wikipedia, grazas á colaboración de Wikimedia España.

Podedes consultar o programa completo dende o web oficial do evento.

A asistencia é totalmente gratuíta, tanto para os relatorios como para os obradoiros, sendo preciso inscribirse previamente xa que o aforo é limitado e darase sempre prioridade ás persoas inscritas.

As persoas interesadas poden inscribirse directamente dende o formulario de inscrición.

Esta actividade, forma parte das actividades que GPUL realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal