Maxprograms, unha recoñecida empresa de desenvolvemento especializada no sector da localización, acaba de poñer a disposición de toda a comunidade de tradutores de software unha nova ferramenta capaz de facilitar o seu labor diaro. Trátase de XLIFFChecker, un aplicativo de código aberto escrito en Java que permite validar compilacións de ficheiros XLIFF (XML Localisation Interchange File Format) segundo o estándar oficial publicado por OASIS.
A ferramenta actúa validando os documentos con formato XLIFF DTD (versión 1.0) ou XLIFF Schemas (versións 1.1 e 1.2). Pero tamén verifica se estes se adaptan aos requirimentos descritos nas especificacións de XLIFF. Esta posibilidade resulta de gran relevancia, posto que o XLIFF é un formato complexo, polo que non chega con validar que cumpre cunha gramática XML.
O seu desenvolvedor, Rodolfo M. Maya, membro da Secretaría Técnica de XLIFF, desenvolveu esta ferramenta consciente das necesidades esixidas por XLIFF e das que están por vir coa que será a nova versión 2.0. Segundo explica, “unha vez estean listas as novas especificacións para XLIFF 2.0, XLIFFChecker será actualizado para compatibilizalo”.
Facilitar o manexo do formato XLIFF resulta fundamental, posto que este está volvéndose cada vez máis popular como formato de intercambio grazas aos usuarios de ferramentas TAC (Tradución Asistida por Computador, CAT en inglés). Por outra banda, a adopción de estándares oficiais nas traducións é fundamental para permitir a interoperabilidade entre todas as ferramentas.
O código fonte de XLIFFChecker está dispoñíbel baixo licenza Eclipse Public License v1.0. Asemade, os binarios para Linux, Windows e Mac OS poden descargarse de páxina de Maxprograms.
Os erros no código poden ser enviados a tech@maxprograms.com. Maxprograms ofrece outras ferramentas orientadas ao tratamento de estándares de tradución aínda que o seu código e uso está restrinxido por licenzas privativas.
O formato XLIFF
A tradución de documentos en formato electrónico, software e aplicativos web resulta complexa, entre outras cuestións, pola variedade e complexidade dos formatos de ficheiro empregados.
XLIFF xurdiu co propósito de facilitar esta actividade, ao ofrecer un formato estándar para o intercambio de datos traducíbeis. O seu nome responde ás siglas de Formato de Ficheiro de Intercambio de Localización XML e foi desenvolvido por un grupo de empresas formado por Oracle, Sun, Novell, IBM e Lionbridge (antigamente Bowne Global Solutions).
A súa popularidade foi en incremento tras ser proposto como estándar oficial por OASIS (Organization for the Advancement of Structured Information Standards), o principal organismo dedicado ao desenvolvemento de estándares baseados en XML e orientados á súa aplicación no sector da localización.
Dende a súa adopción oficial no ano 2002, o formato foi evolucionando, sendo actualizada a súa última versión 1.2 en febreiro do ano pasado,e á espera da introdución de novas melloras coa versión 2.0.
O formato XLIFF baséase na idea da separación dos distintos elementos que integran un produto que vai ser obxecto de tradución. Deste xeito, do orixinal extráense, por unha parte, os contidos que se van traducir (translation units) e por outra os elementos que non son traducíbeis (skeleton). Unha vez realizada a tradución vólvense unir estes elementos para formar o documento final.
A súa vantaxe técnica reside no feito de non ter que traballar con multitude de formatos, evitando problemas de non protección de etiquetas ou falta de espazo. No entanto, arrastra como lacra a descontextualización, ao non contar co documento orixinal.
En contraste co estándar TMX, este último formato achega un fluxo de información moito máis amplo, que inclúe o número de palabras de cada segmento, información de uso da memoria de tradución, datos dun glosario -se se tivese utilizado-, información de contexto e de revisión…
O procedemento resulta de doado entendemento. O usuario pode xerar arquivos XLZ con conversores de formato dende ficheiros, por exemplo TML, simplemente seleccionando e arrastrando o ficheiro á xanela do aplicativo, co que se xera un arquivo comprimido que conterá tres ficheiros: workflow.properties, skeleton.skl e content.xlf.
Con este material pódese realizar unha tradución cun editor específico. A tradución exportarase así xerando un novo ficheiro orixinal traducido, así como unha memoria de tradución e un glosario, se se tivese creado.
Juan Rafael Fernández explicou detalladamente os procesos de tradución con XLIFF e as súas vantaxes fronte a outros estándares durante a súa intervención no marco do primeiro encontro G11n:“Eu traduzo o teu software”, organizado por Mancomún en maio de 2008.
Fonte nova: Maxprograms e Comunidade G11n
