Aínda que son moitos os que alegan non migrar a software libre porque nestes sistemas operativos os xogos que utilizan non funcionan, o certo é que o traballo realizado pola comunidade de desenvolvedores de software libre neste campo non é para nada desmerecedor dos mellores recoñecementos.
Abonda, como exemplo, botar unha ollada á lista “Top 10 dos xogos Open Source” que dende hai tres anos organiza regularmente LinuxJuegos.com -coa colaboración dos seus lectores- e na que son votados os mellores xogos de software libre para GNU/Linux desenvolvidos no ano.
Na última publicación da enquisa, referente ao pasado ano, os resultados posicionaron entre os dez mellores xogos do ano os aplicativos que recollemos a continuación.
- Frets on Fire. Posto Núm.1:
Frets On Fire eríxese como o mellor xogo libre de 2008. O tirón que recibiu grazas aos xogos comerciais cos que é compatíbel e os numerosos mods, como FoFix, axudáronlle a acadar esta primeira posición. Unha moi boa opción para todos aqueles aos que vos corra o rock polas veas.
A partir da versión 1.2.512 do Frets on Fire, a tradución ao galego vén incluída de maneira predefinida no xogo grazas ao traballo realizado voluntariamente a través de Ciberirmandade da Fala.
- Battle For Wesnoth. Posto Núm.2:
Por primeira vez desde que se vén publicando este Top 10, Battle for Wesnoth non é o número un da lista. Isto non quere dicir que o proxecto estea parado e mostra diso é este segundo posto e as numerosas melloras que recibiu o xogo durante 2008.
Este xogo está a ser traducido ao galego a través da Forxa de Mancomún, por iniciativa do GLUG.
- OpenArena. Posto Núm.3:
OpenArena é un xogo que utiliza o motor liberado de Quake 3 para ofrecernos a funcionalidade deste pero utilizando unicamente contido 100% libre. Durante o ano pasado incluíronse novos modos de xogo e máis variedade de personaxes. Tamén houbo unha polémica cunhas texturas non libres que foron incluídas por un colaborador, pero o erro foi rapidamente corrixido e o proxecto segue a súa boa marcha.
- Supertuxkart. Posto Núm.4:
SuperTuxKart é outro proxecto que evolucionou moito durante 2008. Un xogo de carreiras de karts que pasou dunha idea que prometía a unha realidade que entretén cando xogas contra os teus amigos en casa.
- Nexuiz. Posto Núm.5:
Nexuiz é un espectacular exemplo do que se pode chegar a facer modificando o motor do primeiro Quake. Este ano pasado trouxo novas melloras gráficas e importantes optimizacións, novos mapas e modos de xogo.
- Glest. Posto Núm.6:
Glest é un xogo de estratexia en tempo real. Durante 2008 foi publicada a versión 3.0 e consecutivas revisións, apuntándose ao grupo de xogos con partidas en liña. Ademais a comunidade de Glest foi bastante activa e engadiu moito contido novo, tanto na versión oficial como en forma de expansións.
- Teeworlds. Posto Núm.7:
Teeworlds foi sen dúbida unha das gratas sorpresas de 2008. É un xogo multixogador que destila acción en dúas dimensións, no que nos enfrontaremos cun variado armamento a outros xogadores por Internet.
- Wormux. Posto Núm.8:
Wormux é un clon do clásico Worms protagonizado por mascotas do mundo do software libre. É un deses proxectos que, aos poucos, van gañando máis adeptos grazas á diversión que ofrecen as partidas multixogador. Un dos principais logros do proxecto en 2008 foi precisamente a inclusión oficial de partidas contra outros xogadores por Internet.
- Planeshift. Posto Núm.9:
Planeshift é un xa veterano MMORPG que nos introduce nun fantástico mundo subterráneo repleto de criaturas. Durante o último ano aumentou de xeito notábel o número de misións e personaxes dispoñíbeis no xogo, que, salvando os puntuais problemas de conexión, ofrécennos innumerábeis horas de xogo.
- Sauerbraten. Posto Núm.10:
Sauerbraten ten probablemente un dos motores 3D máis potentes iniciado desde un principio como software libre. Deste xogo destaca a facilidade de crear novos mapas (coa posibilidade de editalos en tempo real mentres se xoga), a optimización que ten para máquinas de recursos limitados, e o sistema de menús en 3D.
Fonte: Linuxjuegos.com
