Mancomún

Xorde unha nova iniciativa para acceder a cursos gratuítos sobre GNU/Linux e software libre en liña

Venres, 26 Xuño 2009

Ariel Corgatelli, un recoñecido xornalista do mundo da informática e do eido do software libre e director da popular revista dixital arxentina Tuxinfo comeza un novo proxecto que busca ofrecer cursos virtuais sobre Linux e software libre de maneira completamente gratuíta.

Baixo esta idea, a nova plataforma de educación en liña -construída co aplicativo Claroline– fornecerá cursos simples con foros, chat e material adicional para que o alumno poida adquirir coñecementos básicos e avanzados.

Polo momento só está dispoñíbel a incrición ao curso “Operación básica de GNU/Linux” e aínda non existe demasiado material accesíbel, no entanto, gran parte da comunidade de software libre parece coincidir en que “será un bo lugar para aprender un pouco máis”.

Ademais, este sitio está tamén aberto a calquera membro da comunidade de software libre que queira sumarse a esta iniciativa impartindo un curso sobre algunha materia que domine.

A inscrición e máis información sobre estes están dispoñíbeis en Infosertec Cursos. Tamén dende o blog desta páxina se pode ver un vídeo no que o propio Corgatelli explica as razóns que o levaron a promover este novo proxecto.

Fonte: PcTux

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal