- Mañá sábado, no marco da Xuventude Galicia NET 14 terá lugar o Firefox OS App Day Santiago de Compostela.
- Ademais, haberá tamén un Obradoiro de robótica con Arduino e un relatorio sobre a ferramenta de monitorización de rede Nagios
Firefox OS App Day Santiago de Compostela
Dende Mozilla convidan a todos os interesados en aprender, hackear e desfrutar de Firefox OS , o novo sistema operativo libre para móbiles, a asistir a esta xornada e que terá lugar dende as 11:00 ata as 19:00 horas, cunha primeira parte durante a mañá para a introdución a Firefox OS e ao desenvolvemento de aplicativos para o mesmo e unha segunda parte pola tarde adicada a poñer mans á obra.
Non é preciso estar inscrito na XGN pero si é necesario inscribirse nesta xornada na web de Mozilla.
Non se trata dunha competición senón da oportunidade para iniciarse na creación de aplicativos móbiles para o Firefox Marketplace e o próximo dispositivo Firefox OS. Tamén é unha grande oportunidade para amosar o teu proxecto a unha boa audiencia de compañeiros, así como a líderes tecnolóxicos e innovadores. Así durante a xornada tratarase de que os asistentes creen aplicativos web abertos, que funcionen ben en dispositivos móbiles para FirefoxOS e en Firefox para Android. Aínda que tamén é posible levar unha aplicación HTML5 para continuala, finalizala, pulila ou simplemente presentala.
Durante a xornada, técnicos de Mozilla compartirán as ferramentas e a tecnoloxía para ampliar e apoiar esta nova plataforma, e estarán dispoñibles para axudar aos hackers. Se es desenvolvedor web con coñecementos de HTML5, JavaScript e CSS atoparaste cómodo desenvolvemento aplicacións para Firefox OS. Os técnicos de Mozilla axudaranche coa información que precisas, incluíndo acceso ás APIs web ou como usar Firefox OS Simulator no teu navegador de escritorio para ver e probar as túas aplicacións móbiles.
Para asistir a esta xornada é preciso levar o a túa máquina de desenvolvemento Linux, Mac ou Windows e dispositivo(s) móbiles.
Programa:
- 11:00 – Mozilla, comunidade e proxectos.
- 11:20 – Introdución Firefox OS e Marketplace.
- 11:40 – Arquitectura xeral do sistema.
- 12:00 – Descanso.
- 12:15 – Responsive design e Building Blocks.
- 12:40 – WebAPIs e exemplos prácticos.
- 13:15 – Sesión de preguntas.
- 13:45 – Descanso para comer.
- 15:00 – Hackaton.
- 19:00 – Presentación de demos.
Información para aqueles que queiran ir máis preparados (opcional):
- Introducción a Firefox OS
- Documentación sobre Firefox OS
- Guía rápida para crear unha aplicación web.
- Centro de desenvolveodres de Firefox Marketplace
- Firefox OS Simulator (é recomendable levalo instalalo previamente)
Máis software libre na XGN
Obradoiro de robótica con Arduino
Obradoiro de introdución á Robótica que impartirá o equipo de BricoGeek.com dentro da XGN14 durante a tarde do sábado na sala 14.
Este obradoiro pretende achegar os asistentes á robótica utilizando a plataforma Arduino. O taller está dirixido a todo aquel interesado na tecnoloxía, robótica, programación e áreas afíns ao perfil dun estudante de electrónica, mecánica, ou informática en xeral.
Levaranse a cabo actividades teóricas e prácticas, consistentes no desenvolvemento dun pequeno robot capaz de esquivar obstáculos por si só sen axuda humana mediante a axuda dun conxunto de sensores. O chasis do robot (a parte mecánica) será realizado mediante unha impresora 3D noutro taller, onde se falará sobre esta tecnoloxía con máis profundidade. Desta forma verase de forma moi clara as aplicacións prácticas da impresión 3D no mundo real.
Inclúese todo o material e pezas necesarias para montar o robot prototipo así como as ferramentas (soldador, estaño, cables etc). Todo o material, incluído o robot, será cedido aos participantes para que poidan continuar desenvolvendo e mellorando o robot nas súas casas e así seguir aprendendo (e ensinárllelo aos seus amigos!)
Relatorio "Nagios, xestionando o caos"
Este relatorio será impartido por Aljandro Feijóo, técnico do CESGA, o sábado ás 20:00 horas na sala 16.
A presentación tratará de explicar as vantaxes de empregar Nagios para xestionar os recursos que o CESGA dispón. A grandes trazos, Nagios é un sistema de monitorización web doado de instalar e de xestionar. Utilízase para monitorizar servidores e é moi útil cando se posúen moitos host e moitos máis servizos.
