
O vindeiro mércores, 21 de novembro, dende as 17:30 ata as 21:00 celebrarase a Xornada de traballo sobre como licenciar e traballar con Licenzas Libres, organizada pola OSL do CIXUG que terá lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela.
Se ben é certo que cada vez hai un maior coñecemento e uso do Software Libre entre a cidadanía e as empresas, tamén é certo que o coñecemento sobre as distintas licenzas libres e sobre o procedemento axeitado para empregalas nos proxectos propios é aínda moi deficiente. Así existe moita confusión respecto das licenzas libres, dúbidas sobre por exemplo que licenza escoller?, estou condicionado polo software empregado para o meu proxecto?, cales son as implicacións da licenza escollida?, cales son os meus dereitos se publico cunha licenza libre?, como debo aplicar a licenza ao meu código?, é suficiente con poñer o meu código nunha forxa pública e dicir que é GPL? …
Conscientes desta problemática, a OSL do CIXUG organiza unha xornada de traballo que pretende botar luz sobre estas e moitas outras preguntas. Así o obxectivo da mesma será achegar aos profesionais TIC galegos que son as licenzas, cales son os diferentes tipos que hai e como poden publicar correctamente os seus proxectos mediante unha licenza libre. A xornada correrá a cargo de dous expertos especialistas en temas de propiedade intelectual e dereito das novas tecnoloxías como son David Maeztu Lacalle e Javier Prenafeta.
Da man destes dous expertos, os asistentes coñecerán as nocións básicas que un debe saber sobre licenzas, os tipos e como licenciar unha obra mediante un exemplo. Rematado o percorrido inicial sobre os aspectos básicos, farase a exposición dunha serie de casos prácticos no que poder ver de forma práctica cales son as posibles solucións e implicacións que ten cada un en función do que se queira e poida facer debido as licenzas que se queiran usar ou que xa se están usando.
A xornada pretende ser o máis interactiva posible, permitindo en todo momento a participación dos asistentes quen ademais contarán cunha quenda de preguntas ao final da xornada para poder facer as consultas que desexen sobre o tema ao relator.
Trátase pois dunha excelente oportunidade de coñecer a fondo cales son os fundamentos do uso das licenzas libres que nos permitan evolucionar de meros consumidores a tamén produtores de Software Libre aumentando así a contribución dende Galicia ao Software Libre e polo tanto mellorando a visibilidade da calidade dos nosos profesionais TIC.
A xornada é de carácter gratuíto e de libre acceso, sendo só necesaria a inscrición para o control do aforo.
Estas xornadas forman parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.
