O vindeiro día 28 de maio, o Centro Demostrador TIC acolle a xornada demostradora, organizada por Queres Tecnoloxías, “Ephesoft: Captura Intelixente de Documentos con software libre”.
O obxectivo desta xornada é presentar aos asistentes a primeira solución open source de dixitalización e captura intelixente de documentación e a súa integración co Sistema de Xestión Documental Alfresco. Destacar que Queres é partner oficial de ambos produtos, Alfresco e Ephesoft.
A captura intelixente de documentos vai máis alá do simple escaneado e conversión de documentos en papel a un formato dixital. Un sistema de captura intelixente, engade a esta función básica de dixitalización a capacidade de extracción de datos e clasificación automática dos documentos para poñelos a disposición doutros sistemas de información da empresa.
Dende Queres aseguran que tanto dende empresas de servizos financeiros como dende as administracións públicas, cada día aumenta máis a demanda de alternativas aos contornos de captura propietarios existentes, non só polo aforro económico que supón eliminar a necesidade de pagar licenzas de uso, senón tamén pola flexibilidade e posibilidade de adaptación deste tipo de sistemas con licenza libre.
A alternativa ás solucións de captura intelixente de documentos chega da man de Ephesoft que é unha solución de baixo custe que elimina os custes baseados no número de follas. Son moitas as compañías que están a migrar a un contorno completo composto por OCR, clasificación de documentos e extracción de campos en documentos non estruturados.
Durante esta xornada demostradora, revisarase a última versión de Ephesoft, a súa integración con Alfresco para almacenar a documentación. Tamén haberá demostracións prácticas de casos de uso reais amosando como é o proceso de captura e extracción de información das facturas dos provedores e a captura de documentación do empregado.
Durante a sesión participarán tamén expertos nacionais e internacionais en Ephesoft e Alfresco.
A sesión vai dirixida tanto a medianas e grandes empresas, como a organismos públicos interesados neste tipo de solucións. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo da sala e previa inscrición en liña na web do Centro Demostrador TIC.
Dende Queres afirman que se trata dun evento participativo y práctico, mesmo dende o contido da Axenda do mesmo, polo que animan a que todos aqueles que queiran propoñer un caso de negocio particular que llelo fagan chegar a través das súas contas de twitter ou de email e tratarán de preparalo.
Axenda provisional da xornada:
- 10:00 – 10:30 Acreditación e Presentación do CDTIC
- 10:30 – 11:00 Solucións e produtos Queres Tecnoloxías, Victor Fariña, CEO & Business Analyst Queres Tecnoloxías.
- 11:00 – 11:15 Funcionalidades e características de Ephesoft (English), Ian Pope, VP Sales and Marketing – Europe and Middle East & Africa
- 11:15 – 11:30 Presentación de produto e novidades de Alfresco, Fernando Hurtado, Channel Sales Manager, Spain and Portugal
- 11:30 – 12:00 Coffe break
- 12:00 – 12:30 Demostración caso práctico facturas de provedores, Isis Edreira, Ephesoft Certificate Engineer
- 12:30 – 13:00 Integración de Ephesoft con Alfresco ECM, Victor Fariña, CEO & Business Analyst
- 13:00 – 13:30 Demostración e caso práctico proposto, Isis Edreira, Ephesoft Certificate Engineer
- 13:30 – 14:00 Preguntas e respostas
