-
O Centro Demostrador TIC celebra o vindeiro 19 de xullo unha xornada sobre as Oportunidades na accesibilidade con Software Libre
-
Na xornada farase un percorrido polas solucións tecnolóxicas de accesibilidade con licencia libre dirixidas a facilitar o uso das novas tecnoloxías a persoas con diversidade funcional.
-
As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC de Galicia celebra o 19 de xullo unha xornada dedicada ás Oportunidades na accesibilidade con Software Libre. Esta xornada vai dirixida aos profesionais e persoal técnico de diversos ámbitos de actividade que traballan con ou para persoas con diversidade funcional.
O obxectivo desta xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas de accesibilidade que permiten achegar o uso da informática as persoas con diversidade funcional, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. Isto permite reducir o seu custe de adquisición e posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades específicas dos usuarios permitindo a súa integración no uso das TIC.
O programa da Xornada, que se celebrará de 10:00 a 14:00 horas comezará coa presentación das instalacións do Centro Demostrador TIC. A continuación exporanse casos de éxito e demostracións sobre as posibilidades do uso de software de soporte a accesibilidade:
-
Accesibilidade no entorno de escritorio GNOME, presentado por Alejandro Piñeiro. Coordinador do Equipo de Accesibilidade de Igalia e coordinador do GNOME Accesibility Team da GNOME Foundation.
-
Software Libre na Educación, presentado por Juana Fernández, Asesora SIEGA-ABALAR e Rosa María Garrido e Juan Carlos Buño. Instrutores de Toflotecnoloxía e Braille da Once.
-
Tecnoloxías Libres para interacción multimodal de usuarios con diversidade funcional, presentada por Iván Pozuelo, Xestor de proxectos de Wireless Galicia, Esteban Vázquez, Investigador de Gradiant e Antonio Cardenal, Doutor en Telecomunicacións do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo.
As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón https://cdtic.xunta.es/node/445
Presencia de FLOSS no Centro Demostrador TIC
O CDTIC conta entre os seus obxectivos a difusión das vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos das empresas, especialmente entre os sectores estratéxicos de Galicia así como acreditar o impacto positivo destas solucións na produtividade e competitividade.
Neste marco, o Software Libre está chamado a ter un papel importante. As tecnoloxías libres facilitan, en maior medida, o aliñamento da oferta do sector TIC coa demanda do tecido empresarial galego, a xeración de emprego cualificado nas empresas TIC galegas, así como a xeración dun tecido TIC fundamentado no coñecemento, máis internacionalizable e internacionalizado. Á súa vez, as tecnoloxías libres están demostrando ser unha excelente opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.
O Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia, entre as súas accións promover o Software Libre no ámbito empresarial. Neste sentido, prevese a dinamización da presenza do Software Libre nas actividades do CDTIC colaborando activamente co sector empresarial do Software Libre para potenciar as actividades de difusión e formación nestas tecnoloxías.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es.
