- O Centro Demostrador TIC celebra o vindeiro 28 de xullo unha xornada sobre a Xestión Integral de Empresas con Software Libre
- Na xornada presentaranse ferramentas TIC para mellorar a productividade das empresas galegas.
- As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC de Galicia celebra o 28 de xullo a primeira unha xornada dedicada á Xestión Integral de Empresas con Software Libre. Esta xornada vai dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos, xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.
O obxectivo desta xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das pemes a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. Isto abarata o seu custe de adquisición e posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades reais por empresas galegas facilitando deste xeito que a inversión TIC das nosas pemes xere negocio no propio sector TIC galego convertendo así a innovación tecnolóxica en motor económico.
O programa da Xornada, que se celebrará de 10:00 a 14:00 horas comezará coa presentación das instalacións do Centro Demostrador TIC e continuará cunha charla Informativa sobre o software libre na empresa. A continuación exporanse casos de éxito e demostracións de solucións tecnolóxicas como:
- Xestión e administración da infraestrutura Tecnolóxica: Zentyal presentado por Aitire, partner oficial de Zentyal en Galicia.
- Xestión Integral: OpenERP presentado por Pexego, partner oficial de OpenERP en Galicia.
- Xestión Documental: Alfresco presentado por Queres, partner recoñecido de Alfresco en Galicia.
- Presenza en Internet, CMSs Libres – Joomla presentado por Wireless Galicia.
- Comercio Electrónico para pemes: PrestaShop presentado por Redegal.
As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/node/170
Presencia de FLOSS no Centro Demostrador TIC
O CDTIC conta entre os seus obxectivos a difusión das vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos das empresas, especialmente entre os sectores estratéxicos de Galicia así como acreditar o impacto positivo destas solucións na produtividade e competitividade.
Neste marco, o Software Libre está chamado a ter un papel importante. As tecnoloxías libres facilitan, en maior medida, o aliñamento da oferta do sector TIC coa demanda do tecido empresarial galego, a xeración de emprego cualificado nas empresas TIC galegas,… así como a xeración dun tecido TIC fundamentado no coñecemento, máis internacionalizable e internacionalizado. Á súa vez, as tecnoloxías libres están demostrando ser unha excelente opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.
O Plan de Acción FLOSS da Xunta de Galicia, entre as súas accións promover o Software Libre no ámbito empresarial. Neste sentido, prevese a dinamización da presenza do Software Libre nas actividades do CDTIC colaborando activamente co sector empresarial FLOSS para potenciar as actividades de difusión e formación nestas tecnoloxías.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es.
