Mancomún

Xornada divulgativa sobre a aplicación Xeshostal no CDTIC o mércores 11 de Marzo

Luns, 9 Marzo 2015
  • Trátase dunha ferramenta pioneira, creada pola Axencia de Turismo, para mellorar a xestión dos pequenos aloxamentos turísticos.
  • Xeshostal está dispoñible no CDTIC Virtual, un servizo permite ás empresas a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube.

O CDTIC acolle, este mercores 11 de marzo, unha sesión demostradora sobre Xeshostal, un software para a xestión hoteleira, desenvolvido pola Axencia de Turismo da Xunta e liberado no Repositorio de Software Libre de Galicia en colaboracion coa Amtega.
Banner da xornada de demostración de Xeshostal
Na  xornada, que se desenvolverá en horario de 16.30 a 18.00 horas, amosarase o funcionamento da aplicación Xeshostal, unha ferramenta deseñada para que os pequenos establecementos hoteleiros poidan xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes. Así mesmo, permite fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das súas características e obter informes de xestión e planificación semanais ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación etc.   

Esta sesión está destinada a profesionais do sector turístico, principalmente os do sector hoteleiro. A demostración correrá a cargo de Antón Macías de Miguel, enxeñeiro en Informática de Sistemas cunha longa experiencia como programador tanto no sector público coma no privado, e con experiencia no mantemento do aplicativo Xeshostal.
Para participar nesta actividade só é preciso inscribirse a través do Espazo Usuario do portal web do CDTIC. A asistencia é de balde.

A aplicación Xeshostal no CDTIC Virtual
Xeshostal é unha aplicación libre que permite a xestión en liña de establecementos hoteleiros. Trátase dunha ferramenta pioneira para mellorar a xestión dos pequenos aloxamentos turísticos e para compartir datos.

A aplicación foi liberada no Repositorio de Software Libre de Galicia en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Xeshostal está dispoñible para probas no CDTIC Virtual, un servizo que ofrece ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresariais libres que están aloxadas na nube. Deste xeito pode coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.

As vantaxes desde servizo para a empresa son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.

Este servizo iniciouse coa aplicación Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado, que desde a súa posta a disposición no CDTIC virtual a principios de setembro, foi solicitado por cerca de 20 empresas.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal