Mancomún

Xornada sobre as novidades da solución NextCloud para almacenamento de ficheiros na nube

Luns, 6 Novembro 2017
  • A Amtega organiza este xoves 9 de novembro unha xornada sobre as novidades da solución NextCloud para almacenamento de ficheiros na nube.
  • Este sistema, xa adaptado ao Regulamento Europeo de Protección de Datos, é unha das aplicacións libres dispoñibles no CDTIC Virtual para que as empresas poidan probalas e avalialas de xeito gratuíto.

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de actualizar unha das solucións libres que ofrece para que empresas e usuarios poidan probar de xeito gratuíto. Trátase da solución de almacenamento e compartición de ficheiros na nube que pasa a estar baseada na solución NextCloud (anteriormente OwnCloud).

Para facilitar a difusión da súas novas funcionalidades, o vindeiro xoves 9 de novembro o Centro Demostrador TIC celebra a sesión “Nextcloud: a nube privada máis segura para os teus datos” en colaboración coa empresa LibreBit, especializada en xestionar proxectos en software libre.

A sesión, de carácter eminentemente práctico, versará sobre a ferramenta libre Nextcloud, unha solución para resolver as necesidades de almacenamento, compartición e xestión da información das empresas axustándose ao Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa app dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que polo momento quedan prazas dispoñibles.

NextCloud

NextCloud é un xestor de ficheiros de código aberto e libre distribución, desenvolvido pola empresa homónima. Esta solución naceu en Abril do 2016 como unha bifurcación de OwnCloud liderada polo creador orixinal de owncloud, quen deixaba así a empresa que creara había xa 6 anos. Moitos dos desenvolvedores marcharon con el a este novo proxecto co obxectivo de obter unha solución moito máis aberta á comunidade e non guiada unicamente por unha única empresa. Aínda que nun primeiro momento ambos proxectos eran o mesmo, dende entón evolucionaron paralelamente, e o pasado maio publicouse a versión 12 (https://nextcloud.com/blog/welcome-to-nextcloud-12/) xunto cun extraordinario apoio da comunidade, na que contan con máis de 1000 membros activos.

NextCloud é unha ferramenta ideal para aquelas medianas e pequenas empresas que precisen mellorar a compartición de ficheiros tanto de maneira interna como de cara a os seus clientes e consumidores a través da nube. Sendo moi sinxela no uso, ofrece unha grande potencia, eficacia e funcionalidade.

Centro Demostrador TIC Virtual

O CDTIC Virtual, posto en marcha polo Centro Demostrador TIC, é un servizo no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas. Así, desde a súa posta en funcionamento, foron máis de 120 as empresas que teñen solicitado acceso a este servizo do Centro Demostrador TIC.

Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hostaleira; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado a organizacións que traballan no eido social; PrestaShop, unha plataforma web de comercio electrónico; Alfresco, un software de xestión documental profesional; o xestor de contidos WordPress, co engadido da extensión WooCommerce; Zabbix, un sistema de monitorización de redes;e agora tamén a actualización a NextCloud do demostrador do servizo de compartición de arquivos na nube.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como empresas e profesionais na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal